OurenseÚltima hora

Este ano non haberá MOTI (Mostra de Teatro Infantil de Ourense)

 

Nesta ocasión debemos dar unha nova que non nos gusta: non haberá MOTI 2022.

A Mostra de Teatro Infantil de Ourense, unha das maiores no seu xénero, non chegará á súa 19ª edición de momento.

Despois de 18 anos traballando por e para o teatro infantil, a MOTI non pode realizarse por falta de apoios. O maior era o do Concello de Ourense, a Mostra xa quedou tocada o ano pasado e puido realizarse grazas á Universidade de Vigo (Campus de Ourense) e ao Teatro Principal, pero un cambio na política da Universidade, onde naceu a Mostra, fai que non poidamos levala adiante.

Non ter MOTI aféctanos, pois é parte do noso soño teatral e de cidade e tamén é parte do noso traballo, pero aféctanos máis polos miles de nenas e nenos que nos acompañaron durante tantos anos (máis de unha xeración) e tantos espectáculos: foron 247 en 18 anos. Montaxes de Galicia, de toda España, de Portugal, Arxentina, Canadá ou Francia, aínda que a MOTI é fundamentalmente galega e estatal. Todo isto con teatros cheos ata onde pedían as compañías ou recomendaban os espazos e as asociacións de teatro infantil. Somos unha Mostra que respecta os aforos recomendados para unha boa recepción por parte das nenas e nenos. Iso sábeno as miles e miles de persoas que nos acompañaron ata hoxe. E con iso abonda.

Desde os espectáculos de aforo moi reducido (teatro para bebés) ata os de maior aforo (circo, concertos) en cada edición esgotábanse as localidades en máis da metade das funcións e pasaron pola mostra case 2.000 participantes, acadándose sobradamente as/os 60.000 espectadoras/es.

 

 

Pero unha mostra de teatro non é programar sen criterio, non é procurar tan só números (que se cumpren de sobra con orzamentos axustados), é pensar nos valores que se transmiten cos espectáculos, na idea e no discurso da mostra, nos diversos xéneros que se presentan, na coherencia do que se programa ou no coidado e respecto pola nosa lingua, entre outras moitas cuestións.

Desde a MOTI hai tristura e rebeldía por mentiras que se verqueron desde o actual goberno municipal ao que cómpre felicitar polo labor de demolición cultural que segue a levar a cabo. Tamén a quen siga esas consignas.

Con todo, uns e outros, que se manteñan alerta porque quedan moitos soños, moitas historias, moitas gañas de contar e de coñecer.  Por iso, mantemos o espírito da MOTI vivo e, se hai algún cambio favorable, voltaremos coa 19ª edición da Mostra de Teatro Infantil de Ourense, coa MOTI.

O Teatro Principal segue neste 2022 coa programación infantil de Nadal. Todo o noso apoio. Nós, desta volta, teremos un descanso no Nadal despois de 18 anos. Tamén continúa o FITO cunha nova edición en outubro e a MITEU na primavera.

Compañías, técnicos, actrices, actores, imprentas, medios de comunicación (botaremos en falta as roldas de prensa con doces), deseñadores, restaurantes, hoteis, cargos e funcionarios da universidade que apoiaron no seu día, cargos políticos  e funcionarios que apoiaron no seu día, Liceo, compañeiras de Sarabela, UNICEF (onde foi parte de recadacións en moitas edicións), operación Kilo (onde foi parte de recadacións os dous últimos anos), asociacións como Down ou As Panas, nais e pais, avoas e avós e, sobre todo, nenas e nenos que apoiastes a MOTI e que formades parte dela… Grazas!

Voltaremos!

Texto: Fernando Dacosta. Director da MOTI.
Fotos: MOTI.

Artigos relacionados

Back to top button