
Seguimos descubrindo artistas valdeorreses. Estefanía Vidal Vega, natural de Viloira (O Barco de Valdeorras), é unha das concursantes da VIII edición do programa da Galega “A Liga dos Cantantes Extraordinarios” que durante os vindeiros meses poderemos ver cada sábado a partir das 22 horas na TVG.
Agora participa nesta competición televisiva como unha dos oito aspirantes a ser a mellor voz galega, pero Fani leva moitos anos cantando e participando en concursos musicais. “Canta dende pequeniña e gústalle moito”, di orgullosa a súa nai, Marisol. Destaca pola súa potente voz e sen ir máis lonxe no mes de agosto gañaba a IV edición do Got Talent da Rúa Vella coa canción La Llorona, un certame que xa ganara na súa primeira edición, ademais de presentarse a diferentes concursos nacionais.
Tamén fai os seus pinitos no mundo da publicidade, “sae nun anuncio de Pescanova”, apunta Marisol; e do cine, como figurante en Marusía: Vientos de Honor a nova serie de Telecinco ambientada na Escola Naval Militar de Marín que se estreará proximamente.
