En torno ao mediodía deste xoves 18 de agosto unha muller resultaba ferida de consideración tras ser alcanzada por un camión que transportaba bombonas de butano, tal e como informan dende o 112 Galicia.
O accidente tiña lugar no termo municipal de San Xoán de Río e foi necesaria a intervención dun helicóptero medicalizado para evacuala. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos equipos de intervención que acudiron ao lugar, a “carga do vehículo non resultou afectada”.
Eran os profesionais sanitarios os que chamaban ao 112 Galicia poucos minutos antes das 13 horas para informar do suceso. Durante a comunicación cos xestores de emerxencia, informaban “do desprazamento dunha das súas ambulancias para atender a unha muller que fora alcanzada por un camión”. Así, co fin de prestar apoio ao equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, desde o 112 pasaban aviso aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil de San Xoán de Río, así como ao persoal da empresa subministradora. Unha vez no lugar, os equipos de intervención informaba a necesidade da mobilización do helicóptero debido á gravidade das lesións sufridas pola viandante.
Deste xeito, o equipo médico desprazou ata o punto á aeronave medicalizada con base en Ourense, que, finalmente, evacuou a muller ao centro hospitalario de referencia. Dende o 112 Galicia tamén informaron da situación aos membros do GES de Castro Caldelas, por se fose necesaria a súa colaboración durante o operativo.