ConcellosÚltima hora

Eventos deportivos e concertos nas fins de semana xullo e agosto na Estación de Montaña de Manzaneda

O ciclo “Elas Cantan”, no que só participan grupos liderados por mulleres, empeza este sábado e continuará ata finais de agosto

 

Logo dun inverno de “récord no que a Estación de Montaña Manzaneda puido abrir as súas instalacións ata seis fins semana consecutivos para a práctica do esquí e o snowboard, chega agora a tempada de verán cunha frenética actividade tanto deportiva como de lecer, así como con algunhas novidades no campo da restauración e o aloxamento que se darán a coñecer en breve”, indican dende este complexo deportivo

Así, a Estación de Montaña de Manzaneda acollerá unha vintena de eventos deportivos e de lecer, especialmente musicais, nas próximas 9 semanas, intensificando a súa aposta pola desestacionalización e afianzado a súa reconversión nun parque multiaventura e multideporte con actividade durante todo o ano.

“A clave está en aproveitar todas e cada unha das súas potencialidades cando se baixa o pano da neve e chega o bo tempo. Así, xa durante a pasada primavera o calendario de Manzaneda estivo cargado de actividade, sobresaíndo a Transgalaica (abril), Endurama ou Extrema Manzaneda (maio), ademais do Raid Moto Turístico (xuño). Para a tempada de verán, e concretamente para os meses de xullo e agosto, programáronse eventos para todas as fins de semana, tanto deportivos como musicais”, aseguran dende a estación.

No ámbito deportivo serán as seguintes:

8-9 de xullo: Tsunami Manzaneda.
15 de xullo: Copa Federación DH.
21,22,23 de xullo: Copa de España DH-MINI DH.
12 de agosto: Marcha Ciclista CicloSil.
19 de agosto: Gladiator infantil.
25, 26 e 27 de agosto: Motorsport Campus
3 de setembro: Marcha ciclista Federación.

O complemento lúdico á actividade deportiva serán os concertos do ciclo “Elas cantan”, que terán lugar todos os sábados dos meses de xullo e agosto, cun fío condutor: só participan grupos liderados por mulleres. Trátase de Haban Feeling (1 de xullo); Law (8 de xullo); Isaura & CO (15 de xullo); Soul&Roll (22 de xullo); Carolina Rubirosa (29 de xullo); Failim (5 de agosto); Alo Jazz (12 de agosto); Two in the mirrow (26 de agosto).

E a todo iso sumaranse as actividades da propia Estación de Montaña cun rocódromo infantil, varios campos de paintball, roteiros en bicicleta eléctrica ou parques multiaventura para nenos. Complementarán as xa ofertadas o ano pasado: bike park adulto e junior, roteiros dacabalo, tiro con arco, tirolesa xigante, telecadeira turístico ou piscina e circuíto termal.

A Estación abrirá o 100% das súas instalacións e servizos de venres a domingo, mentres que durante o resto da semana ofrecerá aloxamento e restauración, ademais da piscina e o spa. “En definitiva, a Estación de Montaña abunda na súa intención de ser o referente en Galicia para o deporte e a aventura en contacto coa natureza, así como para o lecer e o relax en familia durante os 365 días do ano, con ou sen neve”, din dende este complexo deportivo.

Tanto as novidades como o resto de propostas poden consultarse na web www.manzaneda.com.

Artigos relacionados

Back to top button