ConcellosÚltima hora

Éxito das xornadas feministas con Pili Pampín en Xoán de Río

 

O Concello de San Xoán de Río organizaba o 11 de marzo, en colaboración co CIM de Trives, unhas ‘Xornadas de Convivencia Feminista’ nas que a coñecida artista galega foi unha das protagonistas. O Concello de San Xoán de Río quixo buscar este ano unha actividade diferente para conmemorar o 8M e pensou en Pili Pampín coa idea de organizar unha xornada de convivencia coa veciñanza. A artista galega estivera xa por estas terras o pasado verán, pero neste caso a súa visita foi diferente, moito máis próxima e máis íntima.

Precisamente, a finalidade principal era amosar na distancia curta a unha muller loitadora, moi popular e moi querida en Galicia, unha gran artista que como se puido comprobar non perdeu a humildade. Seguindo o programa da ‘Xornada de Convivencia Feminista’ do sábado 11 de marzo, o recibimento a Pili Pampín fíxose ás 12:00 h. na Praza da Igualdade e consistiu nunhas coreografías que representaron, por un lado a Asociación de Mulleres Anel e ,por outro, a monitora de danza D’Ariya.

Un grupo de mulleres da entidade desenvolveron unha coreografía coa canción ‘Monotonía’ de Shakira, e D’Ariya representou ‘Pink Venom’. A continuación, xa no Salón de Plenos do Concello e despois dunha breve introdución a cargo do alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua, Pili Pampín abriríase ás veciñas para falar dela e da súa vida en perspectiva feminina.

Contou como foi a súa infancia, como empezou a cantar e como se fixou nela a Orquestra Compostela; tamén confesou que as comparacións con Ana Kiro son para ela sempre un motivo de orgullo, que a coñeceu ben e queforon grandes amigas; falou do seu salto á televisión e o ben que se atopa no medio e tamén de comofoi a idea de colaborar co artista Ortiga, unha experiencia fantástica e moi divertida para ela. Unha vez que se foi rompendo o xeo chegaron as preguntas das mulleres que había arredor dela nun Salón de Plenos que non se collía.

Pampín valoraba os avances no tema da igualdade pero recoñeceu tamén que aínda queda moito por facer. Ao remate da charla, e tras falar da repercusión das súas novas experiencias musicais, puxéronse na pantalla interactiva do Salón de Plenos dous grandes éxitos de Pili Pampín con Ortiga: “Eu chorar, chorei” e “O Galo”.

Chegadas as 14h. a xornada continuou cun xantar no baixo da Casiña Azul, comida na que a cantante compartía mesa cunhas 60 mulleres de San Xoán de Río. Despois do xantar comezaba, sobre as 17:00 h., a música e o baile da man da disco móbil DJ Rafa, de Radio Monforte. Música escollida para rematar a xornada por todo o alto, con grandes clásicos, peticións e como detalle unha pequena intervención previa da propia Pili Pampín cantando parte dos seus grandes éxitos, seguida polo público nun animado ambiente.

Antes de marchar, Pili Pampín tivo tempo para falar con algunhas mulleres e sacar fotos con elas. A impresión final das asistentes, segundo Susana Gómez González –CIM de Trives–, foi que o encontro gustou moito, dixeron “que quedaran encantadas coa actividade”. A iniciativa desta convivencia feminista partiu do Concello de San Xoán de Río que contou coa colaboración do Centro de Información á Muller da Pobra de Trives e con recursos económicos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button