













































































Volveron facelo. Dous anos despois da multitudinaria II edición celebrada antes da pandemia, a Cea Popular do CarnaVrao organizada pola Asociación Cultural San Cristóbal volvía congregar a preto de 700 persoas na rúa Doutor vila, en pleno centro da vila ruesa.
A pesares de que o Covid segue presente na sociedade, a xente ten gana de festa e iso nótase. Así na noite deste venres 8 de xullo, o trepidante ritmo da charanga CLK (Licor K da Limia) marcaba o comezo dunha multitudinara e animada cea elaborada e servida un ano máis por Mantesil, a base de empanada, langostinos cocidos e costela asada con patacas tamén asadas. De postre brazo de xitano. Tampouco faltou o viño (Godello e Mencía de Alán de Val), cervexa e refrescos (hai varios bares nesa mesma rúa), así como a música da charanga e o sorteo de 500 euros para facer desta calurosa noite, algo especial.
Con todo, o acto central do CarnaVrao, o desfile, terá lugar esta tarde a partir das oito con saída na rúa Campogrande (á altura dos bares O Café, Luna’s e Rute 66). Para ir entrando en materia, durante a cea xa pudo verse algún discreto disfraz.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.