Da mellor forma posible. Cun esperado e exitoso concerto celebrado no SKANDALO na noite do sábado 3 de maio, comezaba o grupo valdeorrés Tentempié a súa xira de presentación.
Cando chegaba a hora de subirse ao escenario a xente levaba xa un rato esperando no bar. “Foron dúas horas de concerto moi moi intensas co público expectante e á vez desfrutando”, aseguran dende a banda que, para a estrea en directo, apostou por un repertorio variado pasando por moitos estilos de sempre, pero dándolles o seu propio toque a temas de Nek, Tam Tam Go!, Luz Casal ou Maná, entre outros moitos.
“No noso repertorio contamos con varios mix de cancións nas que en apenas 8 ou 11 minutos lembramos temas que marcaron épocas, como Galilea de Sergio Dalma ou Loca de Luz Casal, vivindo ao longo do concerto por diferentes momentos, desde estar de bailoteo, ata tocar una lenta que a xente escoitaba e desfrutaba e, minutos máis tarde virnos arriba con Freed From Desire“, contan.
E como é de ben nacido ser agradecido, dende Tentempié dan as grazas ao SKANDALO e a Javi por contar con eles e “poñer todo da súa parte para que tanto a presentación do grupo como a noite fosen perfectas”, destacando que horas despois “as redes sociais estaban cheas de fotos e vídeos nos que nos etiquetaron comentando o ben que o pasaran”, conclúen dende a banda que daba así o pistoletazo de saída a futuras actuacións.
Fotos: O SIL e cedidas.
Vídeos: O SIL.