Cando se cumpren 10 anos do inicio do programa “Viaje Hacia la Vida” en Galicia, que leva a cabo a Fundación Tierra de Hombres, foi posible que 98 rapaces procedentes de países africanos fosen operados de graves enfermidades, de xeito altruísta, por equipos médicos de Galicia, concretamente do Hospital Materno Infantil da Coruña, o Grupo Hospitalario La Rosaleda de Santiago e o Hospital Clínico de Santiago.
Agora, esta organización trae ao Liceo de Ourense a mostra “Unha Viaxe Solidaria e Creativa á Vida”, na que 38 artistas galegos, maioritariamente ourensáns, coordinados polo artista ourensán Paco Ascón, participan nesta exposición de xeito totalmente altruísta. “Sensibles concienciados coas necesidades dos máis desfavorecidos, únense para apoiar e dar continuidade a este proxecto a través desta exposición colectiva”, aseguran dende a organización.
Para facela, todos eles realizaron unha obra, moitas delas con temática social, que serán vendidas ao prezo de 150 euros, que irán integramente para o proxecto “Viaje Hacia la Vida”.
O día 20 de xaneiro, o Salón Nobre do Liceo acollerá a inauguración a partires das 19:30 horas. O evento será amenizado coas músicas dos artistas ourensáns María do Ceo e do cantautor Emilio Rúa. Ao final da gala presentarán aos artistas plásticos e as súas obras. Dende a organización aseguraron que todos os interesados en adquirir as obras, poderán facelo. A exposición estará aberta ao público até o 15 de febreiro.
Na gala de inauguración vai intervir o delegado en Galicia de “Tierra de Hombres” na que explicará o proxecto “Viaje Hacia la Vida”, para as persoas que estean interesadas en participar e ter información.