Despois da edición de 2021 que supuxo unha transición cara á normalidade postpandemia, Xantar 2022 regresa a Expourense entre o 9 e o 13 de novembro como feira completa, presencial e, segundo expectativas da organización, “masiva no referente á participación tanto de expositores como de visitantes”.
Na mañá do mércores 19 de outubro celebrábase de forma virtual o comité asesor da 23ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico no que unha quincena de expertos en hostalería e turismo de España e Portugal perfilaron o programa de accións profesionais do salón que incluirá máis de 100 actividades relacionadas coa gastronomía sostible e saudable.
Xantar 2022 consolida así o cambio de datas para o mes de novembro (antes celebrábase no mes de febreiro), coincidindo coa celebración do San Martiño, patrón da cidade de Ourense e dos tradicionais Magostos. Aproveitando este dobre Ano Santo Xacobeo 21-22, a próxima edición de Xantar volverá estar centrada na promoción da gastronomía dos distintos camiños a Compostela, sendo ademais a primeira con Alta Velocidade, un feito que amplía o denominado “turismo de proximidade” a practicamente toda a Península.
Para animar aos habitantes das cidades orixe dese tren como poden ser Madrid ou Zamora, Xantar lanzou, en colaboración con Sente Galicia, un paquete turístico para convidar a visitar Ourense durante un par de días coincidindo coa celebración do salón. Tamén se organizaron presentacións en senllas cidades para promocionar o evento e a visita á cidade. Durante a reunión deste comité, o director de Xantar, Rogelio Martínez, indicou “que a superficie expositiva desta edición está cuberta ao 100%” e destacou o alto índice de fidelidade por parte dos expositores, tanto no caso das entidades públicas como no das empresas privadas. Destaca ademais a masiva presenza das cámaras municipais do Norte de Portugal e tamén o compromiso da Entidade de Turismo Porto e Norte de Portugal.
Xantar 2022 poñerá en marcha as accións de sempre, este ano xa sen as restricións nin medidas sanitarias que tiveron que adoptarse na edición de 2021. Mantívose a redución no número de restaurantes e contarase cun total de 7 procedentes de distintos puntos de Galicia, de Zamora, de Portugal, e como novidade, un de Massachusetts, nos Estados Unidos.
Como é habitual, o programa de accións que ofrecerá o salón estará orientado a proxectar internacionalmente, desde a perspectiva da calidade e da sustentabilidade, o turismo enogastronómico de Galicia, do resto da Península Ibérica e de Iberoamérica. Estas actividades serán fundamentalmente o XVII Encontro Internacional Sobre Gastronomía Saudable e Sostible que incluirá talleres de cociña de prestixiosos chefs, catas comentadas, presentacións e conferencias e nova edición do encontro internacional de Confrarías Gastronómicas e Enófilas e do Encontro de Bloggers Gastronómicos e Turísticos. Tamén se puxo en marcha unha nova edición do Túnel do Viño e do Concurso Gourmet Grupo Cuevas.
Para todo iso, cóntase con 3 aulas gastronómicas e unha aula de cata que dará ao amplo programa desta edición, con máis de 100 actividades durante cinco días. Haberá ademais un espazo reservado á promoción das festas gastronómicas de Galicia con continúas degustacións dos produtos protagonistas destas festas e cuxa exaltación foi a orixe de Xantar hai xa 23 anos.