Os cantos da tradición oral, transmitidos polas mulleres galegas, cobran nova vida na voz de Faia Díaz. Interpretando “Dúas cantigas de Corcubión”, mentres camiñaba cara o escenario, iniciaba esta cantante a súa actuación na tarde do 17 de xullo no Xardín da Casa Grande do Barco.
A partir de aí ía dando paso ás pezas incluídas no seu álbume en solitario “Ao Cabo Leirín”, un traballo moi persoal e que se basea na investigación dos cantares populares, pero tamén das mulleres que as interpretaban e das súas historias. Ao mesmo tempo, nesa andaina musical Faia explora esa tradición dende a súa propia voz, tal e como comentaba na presentación do concerto o técnico de Cultura do Barco, Gustavo Docampo.
No decurso da actuación, a cantante tamén agasallaba ao público con gravacións orixinais da súa recolleita. Este concerto era a penúltima das citas do ciclo “De Perto” no Barco, dedicado ás diversas faces da palabra. O programa completarase mañá sábado, tamén ás 20:30h. cun trío de voces de excepción: as dos contadores Quico Cadaval, Celso Sanmartín e J. Luis González “Guti”. Será tamén no Xardín da Casa Grande.
Fotos: A.R.