ConcellosO BoloÚltima hora

Falece Félix Enríquez, ex alcalde do Bolo e traballador na banca durante 40 anos

Félix Enríquez Vega nunha imaxe tomada en 1999./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Bolo despedía o 16 de setembro ao que foi o seu primeiro alcalde da democracia, Félix Enríquez Vega, que falecía aos 79 anos. Nacía nesta vila un 24 de outubro de 1942 e nela desenvolvía practicamente toda a súa vida, agás un breve período da mocidade no que, con só 16 anos, emigraba a Francia. Regresaba a finais dos 60 e a partir de aí comezaba a desenvolver o seu afán emprendedor: foi panadeiro no Bolo, comerciante, taxista…

Xa no ano 1976 asumía o posto de director de Caixa Rural de Ourense na súa vila, iniciando así unha longa traxectoria duns 40 anos no mundo da banca ata súa xubilación. Ademais, Félix Enríquez Vega tiña unha granxa porcina, converténdose nun dos primeiros socios de Coren na provincia e no único do municipio do Bolo.

Era tamén un gran afeccionado ao fútbol, deporte que empezaba a practicar alá polos anos 50, formando parte do equipo do Bolo que xogaba ata mediados dos 60 no campo de fútbol do Barreiro, onde actualmente está o colexio público.

Ademais en 1979 convertíase no primeiro alcalde da etapa democrática no Concello do Bolo, gobernando baixo as siglas de UCD. Volvería presentarse á reelección en 1983, xa con Coalición Galega, logrando de novo a alcaldía. Posteriormente, Félix Enríquez manteríase como membro da corporación como tenente de alcalde con Alianza Popular e, finalmente, co PP. Deixaba a política no 2002, tras máis de 25 anos de traxectoria.

 

Félix Enríquez, nunha imaxe máis recente./ Cedida.

 

Da súa etapa como alcalde destacaba que do que máis orgulloso se sentía era de lograr a construción do colexio público do Bolo, nun momento no que o municipio sumaba 230 nenos. Tamén contribiu co seu labor a promover o proxecto da residencia de maiores do Bolo, onde se instalaba a súa capela ardente.

Félix Enríquez, casado con Inés Méndez, falecía o pasado 15 de setembro. A súa familia, amigos e veciños dábanlle o seu último adeus nun funeral que se celebraba na tarde do 16 de setembro na igrexa parroquial do Bolo. Posteriormente era enterrado no cemiterio da súa localidade natal.

Artigos relacionados

Back to top button