As obras de reconstrución da ponte sobre o río Xares, en Barxa (O Bolo), danada tras unha riada a finais de 2019 poderían estar rematadas despois do verán. Así o adiantaba o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, durante a visita que na mañá deste mércores 7 de maio, realizaba ás obras a cargo de VIPECA OBRAS Y SERVICIOS, S.L que veñen de comezar para “reconstruír un vial que leva cinco anos nesta situación”.

Alí, acompañado polo alcalde do Bolo, Alberto Vázquez e demais membros do equipo de Goberno, Quiroga asegurou que logo de cinco anos cos problemas de comunicación ocasionados especialmente para os veciños de Barxa e O Seixo e grazas á “insistencia, preocupación e responsabilidade do alcalde e dada a repercusión negativa que estaba tendo nun entorno tan fermoso como este nun rural polo que estamos loitando para asentar a poboación, a confederación decidía facerse cargo dunha obra que non é da súa competencia, xa que as pontes son responsabilidade dos donos da estrada”.
O presidente da CHMS destacou as numerosas peripecias polas que pasou a obra ata que “decidimos coller a tixola polo mango e xunto co Concello e seu alcalde decidimos facela”. Unha obra orzamentada en 520.000 euros dos cales a Confederación pon o 80% cunha duración entre 4 e 5 meses co cal “calculamos que ao final do verán estará lista e totalmente operativa”.
A alternativa seleccionada contempla principalmente tarefas de limpeza e roza, protección ambiental do leito, demolición completa da actual estrutura, escavación de cimentacións, execución da nova estrutura baseada nun ponte pórtico de 17,50 m de luz e 6,50 m de ancho, dividido en 5,50 metros para zona calzada e 0,50 metros en cada un dos dous laterais para a circulación peonil. Estas actuacións completaranse con plantacións de especies autóctonas e restitución ambiental. Esta obra “resolverá este gran problema que teñen estas dúas parroquias e consecuentemente o Concello do Bolo”, dixo José Antonio Quiroga, asegurando estar “moi orgullosos de ter intervido e botar unha man ao rural, neste caso do Bolo”.
Unha intervención que agradecía o alcalde, Alberto Vázquez, asegurando que sen ela non poderían telo feito “O noso é un Concello modesto cun presuposto anual de 1,100.000 euuros co cal nos levaría a metade de ter que sufragala integramente nós”, asegurando que foi un dos temas que se plantexaron arranxar en canto entraron na alcaldía porque tamén afectaba a unha liña de autobús.

Fotos: Carlos G. Hervella /Mónica G. Bellver
Vídeos: Mónica G. Bellver



