
O mundo da música e máis concretamente do acordeón está de loito. Na xornada deste sábado 1 de marzo falecía aos 81 anos Jesús Rocha González, veciño de Veigamuíños (O Barco de Valdeorras) e un apaixoado deste instrumento que tocaba con destreza dende hai anos.
De feito formaba parte activa do grupo de acordeóns de Abertal (A Rúa) e de Airiños da Porta Falsa (Concello de Manzaneda), dúas agrupacións que hoxe choran a súa perda. “Foise un dos nosos, o noso compañeiro e amigo Suso. O teu acordeón seguirá soando para sempre nos nosos corazóns. Grande Perda”, publicaban nas redes sociais dende a Asociación Cultural Abertal.
Viúvo de Luisa Rivera, Jesús tivo tres fillos, Cristina, Roberto e Javier. A súa capela ardente está na Sala Guzmán do Tanatorio La Cruz, no Barco e o funeral será mañá, domingo 2 de marzo ás 11 horas na igrexa parroquial de Santo Tirso, en Veigamuíños, seguido do enterro no cemiterio da mesma localidade.

Fotos: Mónica G. Bellver.



