ConcellosO BarcoÚltima hora

Falece Ricardo Rodríguez Rivas, cabo xubilado da Policía Local do Barco

O seu funeral terá lugar mañá, sábado 14 de maio, ás 15:30 horas na Igrexa de San Mauro

Ricardo Rodríguez Rivas./ Foto cedida.

 

Na mañá deste venres 13 de maio falecía, aos 99 anos de idade, Ricardo Rodríguez Rivas, ex cabo xefe da Policía Local do Barco de Valdeorras.

Viúvo de Amalia Álvarez Prada e pai dúas fillas (Ramona e Amalia) Ricardo nacía en Cuba pero viviu praticamente toda a súa vida na vila natal da súa nai, O Barco de Valdeorras, estando máis de corenta anos no corpo da Policía Local. Tal como explica a súa filla Amalia, Ricardo, popularmente coñecido como ‘Tarira’ entrou sendo un neno no Concello do Barco como mozo dos recados, despois marchaba facer o Servizo Militar e ao seu regreso ao Barco volvía ao Concello entrando xa no corpo dos municipais, onde se xubilaba como cabo aos 65 anos.

“Viviu nunha época moi diferente á actual, O Barco non era como agora nin tampouco a Policía Local. Meu pai era o encargado do cárcere que había nas Casas Baratas e cando detiñan alguén ía a Garda Civil a buscalo a casa para que abrira a cela, sendo el o responsable do preso ata que dispuxera o xuíz. Daquelas era o que facían, controlar o tráfico, catro papeis e pouco máis”, conta Amalia.

A nivel persoal, a Ricardo gustáballe moito saír cos amigos (era membro da Peña de San Francisco Blanco) e ler o periódico pero sobre todo estar cos netos que o consideraban un referente. “Criounos a todos, era moi familiar”, di Amalia. Tamén era moi devoto do Nazareno (era confrade), devoción que compartía con toda a familia. “É unha tradición que sempre mantivemos”, di a súa filla recoñecendo que sempre tivo moi boa saúde.

A capela ardente está na Sala 2 do Tanatorio Santa Rita, no Barco, e o funeral será mañá, sábado 14 de maio, ás 15:30 horas na Igrexa de San Mauro, seguido do sepelio no cemiterio municipal.

Artigos relacionados

Back to top button