Na mañá deste xoves 10 de marzo producíase un accidente fatal en Vilariño de Conso no que falecía o condutor dun camión tras caer co seu vehículo por un desnivel na localidade de Castiñeira, tal como explican dende o 112 Galicia que, en torno ás 10:30 horas, recibía o aviso dos voluntarios de Protección Civil da localidade.
Segundo explican, o camión con caixa, que ía baleiro no momento de producirse o accidente, precipitouse por un desnivel co seu condutor a bordo. “A vítima saíu despedida do vehículo, tal e como puideron comprobar os axentes da Garda Civil cando inspeccionaron o lugar do sinistro”, din dende o 112. Malia os esforzos dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, nada puideron facer por salvarlle a vida.