OurenseÚltima hora

Falece un menor e outro resulta ferido ao caer unha parede nun instituto en Ourense

 

Dous menores tiveron que ser liberados esta tarde polos bombeiros, ao quedar atrapados debaixo do muro que se derrubou no vestiario dun centro educativo da cidade de Ourense. “Tras ser rescatado polos membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Ourense e recibir os primeiros auxilios, un dos mozos foi trasladado a un centro hospitalario. Por outra banda, malia os esforzos, os servizos sanitarios nada puideron facer por salvarlle a vida ao outro menor”, segundo informa o 112 Galicia, que tivo coñecemento dos feitos uns minutos antes das 14:00 horas da tarde de hoxe, a través do persoal do instituto.

Axiña, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Ourense e da Policía Local e Nacional.

Ademais, desde o CIAE 112 Galicia requiriuse a actuación do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), para atender aos achegados do menor falecido.

MInuto de silencio

O Concello de Ourense convoca un minuto de silencio mañá, xoves, 27 de outubro, ás 12:00 horas, na Praza Maior, para expresar as súas condolencias polo falecemento, “este mediodía, dun estudiante no IES Julio Prieto Nespereira”. Asistirán ao acto o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e representantes dos grupos políticos da Corporación Municipal.

Tras coñecer estes feitos, o Concello de Ourense, retrasa ás 12:05 horas e cambia o formato do acto previsto para mañá en relación á exposición “Mexicráneos”. No canto de rolda de prensa de presentación, o acto consistirá simplemente na apertura ao público da exposición, na rúa do Paseo.

Pola súa banda, a Deputación de Ourense vén tamén de convocar un minuto de silencio en memoria do estudante falecido no IES Julio Prieto Nespereira. O presidente da Deputación, xunto o resto da Corporación e traballadores da institución provincial gardarán un minuto de silencio en memoria do estudante falecido á entrada do Pazo Provincial.

Artigos relacionados

Back to top button