Arredor das 17h. desta tarde unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para informar dun accidente cunha moto implicada na N-120, punto quilométrico 544, en Pombeiro, no concello lucense de Pantón. Aseguraba que o motorista estaba ferido.
“A partir de aí, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivou ao punto o helicóptero medicalizado con base en Ourense. Do mesmo xeito, informou aos Bombeiros de Monforte e á Garda Civil de Tráfico. Igualmente, foron avisados o persoal de mantemento da estrada, que se encargou de restablecer as condicións de seguridade na vía. De feito, indicaron ao 112 Galicia que había moita retención nese punto da estrada”, segundo informa o 112 Galicia
No transcurso da comunicación, outra persoa particular “tamén contactaba cos xestores de emerxencias para indicar que no accidente había un camión implicado. Segundo o seu relato, unha moto chocara contra un camión quedando encaixada baixo este vehículo. O relato dos alertadores coincidía en que a vítima non estaba atrapada pero si necesitaba asistencia sanitaria”, citando a información feita púbilica polo 112 Galicia.
Os servizos sanitarios desprazados ao punto tan só puideron confirmar o falecemento do motorista.