OurenseÚltima hora

Simulacro de accidente de tráfico con múltiples vítimas no túnel de A Canda durante a madrugada

Durante máis de seis horas, os profesionais ourensáns aplicaron os seus coñecementos a unha posible emerxencia con múltiples vítimas, en coordinación con equipos de provincias limítrofes

 

Bombeiros do parque comarcal de Verín e efectivos do GES da Gudiña participaron durante a madrugada, dende as 21 horas do martes ata as 2:30 da mañá do mércores, nun simulacro de accidente de tráfico con múltiples vítimas no túnel de A Canda, na A-52 sentido Ourense. O xefe da Sección de Emerxencias da Deputación de Ourense, José Ramón Sánchez Feijóo, asistiu ao simulacro no que participaron tamén servizos de emerxencias de provincias limítrofes.

O obxectivo do simulacro foi comprobar os tempos de detección e resposta dos servizos fronte a un posible accidente no túnel, así como contrastar a accesibilidade e a eficacia das instalacións de seguridade. Os profesionais avaliarán así a eficacia dos procedementos de actuación ante incidentes previstos no Plan de Autoprotección do túnel.

 

 

Os participantes no simulacro reuníronse primeiro no Centro de Coordinación de estradas do Estado ZA-04, en Zamora. A partir das doce da noite comezou a práctica no propio túnel de A Canda, que se estendeu ata as 2:30 horas.

Este simulacro realizouse no túnel de A Canda porque a resposta de Servizos de Emerxencia na zona de cobertura da instalación depende da Deputación de Ourense, institución á que está adherido o Consorcio Provincial contra Incendios.

Artigos relacionados

Back to top button