
Na mañá deste xoves 23 de xaneiro unha muller falecía “por mor dun escape de gas” en Amoeiro, tal como indican dende o 112 Galicia que, en torno ás 11:10 horas recibía a chamada da veciña da muller falecida, avisando de que “unha persoa precisaba asistencia sanitaria urxente tras unha intoxicación por inhalación de gas no seu domicilio situado na OU-0524, entre o quilómetro 7 e 8, ao seu paso pola parroquia de Parada de Amoeiro”.
Desde a sala de operacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitaban a intervención do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Carballiño, dos axentes da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil da localidade. “Xa na vivenda, o persoal sanitario, malia os esforzos, só puido certificar o falecemento da muller”, lamentan, adiantando que “as forzas da orde investigan o ocorrido tratando de esclarecer as circunstancias do suceso”.



