
Era o membro de número de maior idade da Real Academia Galega (RAG), unha entidade que presidía entre os anos 2013 e 2017. Hoxe esta institución emitía un comunicado expresando o seu fondo pesar polo falecemento de Xesús Alonso Montero, “mestre de mestres e grande exemplo de compromiso coa defensa e o estudo da lingua e da cultura galegas. Membro de número da Real Academia Galega”.
O profesor Alonso Montero naceu en Vigo pero as súas raíces estaban en Ventosela (Ribadavia), onde se trasladou coa familia aos nove anos de idade. Licenciado en Filoloxía Románica en 1953 pola Universidade Central de Madrid, doutorouse pola Universidade de Salamanca coa tese Lengua y estilo de Curros Enríquez en su poesía gallega (1966), dirixida por José Luis Pensado. Exerceu a docencia no ensino medio en centros de Santiago de Compostela, Palencia e no Masculino de Lugo, actual IES Lucus Augusti, entre 1960 e 1976. Desde 1984, foi profesor titular no Colexio Universitario de Vigo -adscrito á USC- de Literatura Española e, a partir de 1989, de Literatura Galega xa na Universidade de Santiago de Compostela. No ano 1991 gañou a cátedra de Literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela.
Docente e investigador, a gran produción científica e divulgativa de Xesús Alonso Montero abrangue os eidos dos estudos literarios sobre autores galegos e alófonos, a sociolingüística, a creación literaria ou a colaboración na prensa.
Como investigador, foi un pioneiro no ámbito da sociolingüística aplicada ao caso galego en títulos como O porvir da lingua galega (1968), libro colectivo baixo a súa coordinación, O que compre saber da lingua galega (1969) e Informe –dramático– sobre la lengua gallega (1973), volumes con vontade polémica e divulgativa nos que denuncia a situación de exclusión social do galego naquela altura e propón medidas para a súa recuperación. Na mesma liña vindicativa sitúanse Encuesta mundial sobre la lengua y la cultura gallegas y otras áreas conflictivas (1977) e A batalla de Montevideo: os agravios lingüísticos denunciados na UNESCO en 1954 (2003). Noutros traballos como Constitución del gallego en lengua literaria (1970), O galego na escola (1979) e Decálogo da lingua galega (1990), analiza a historia social e literaria da lingua.
Entraba como académico á RAG en 1993 e foi presidente desta entidade entre os anos 2013 e 2017. Foi ademais o primeiro presidente da Academia en ofrecer unha conferencia en Valdeorras, nun acto organizado polo Periódico O SIL en decembro de 2014, na que abordaba as figuras de catro autores vinculados ao oriente ourensáns: Paz-Andrade, o vilamartinés Florencio Delgado Gurriarán, o gramático cego de Viana do Bolo Manuel Rodríguez Rodríguez e Laureano Prieto, da Gudiña.