OurenseÚltima hora

Familiares de nenos con autismo poñen en marcha en Ourense unha asociación para a atención integral

“Por ELES” inicia unha campaña cun mercadiño e unha andaina solidarios na procura dos fondos necesarios para botar a andar
Pablo Domínguez, Xosé Manuel Fírvida, Xosé Manoel Martínez e Gema Viadero, na presentación da asociación.

A Asociación “Por ELES”, que agrupa, de momento, a 22 familias de rapaces afectados por Transtorno do Espectro Autista está dando os seus primeiros pasos para pór en marcha a infraestructura necesaria que lles permita funcionar de xeito normalizado, proporcionando atención e terapias para os afectados. Así o anunciaban na mañá do 30 de maio responsables do colectivo, Xosé Manoel Martínez Quintas, presidente; Gema Viadero, vicepresidenta; e Pablo Domínguez tesoureiro, xunto con Xosé Manuel Fírvida, tenente de alcalde do concello de Barbadás.

Precisamente foi o concelleiro de Barbadás o que anunciou a concesión dunha subvención de 3.000 euros por parte da entidade a que representa. Martínez Quintas destacou este respaldo asegurado que “permítenos botar a andar a asociación, na que temos necesidades de todo tipo, e así ir dando os primeiros pasos”. Afirmou o presidente de “Por Eles”, que como primeiras iniciativas na procura de fondos figuran unha andaina solidaria e un mercadiño, para os que contan con achegas de particulares e colectivos ourensáns.

As previsións do colectivo apuntan a ter a asociación a pleno rendemento o vindeiro 1 de setembro, co persoal especializado para impartir as terapias que precisan os rapaces. O orzamento estimado, segundo Pablo Domínguez, sitúase arredor dos 100.000 euros, “aínda que esa cantidade pode fluctuar, xa que temos gastos correntes, como o arranxo e acondicionamento da nova sede social, que ainda non están cuantificados”. Para elo están levando a cabo un intenso labor de xestión na procura de axudas e subvencións.

Artigos relacionados

Back to top button