En portadaGalerías de fotosÚltima hora

“Farei da Subdelegación un lugar aberto, cercano e dedicado a resolver os problemas da xente”

O acto de presentación do novo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, tiña lugar na tarde do 19 de xullo e estaba presidido por Javier Losada

Quince días despois da súa toma de posesión, tiña lugar en Ourense na tarde do 19 de xullo a presentación do subdelegado do Goberno na provincia, Emilio González Afonso. Este acto, estivo presidido polo delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e contou coa presenza de numerosos representantes civís, políticos e dos corpos e forzas de seguridade do Estado, así como da Administración galega e de institucións ourensás. Tamén había alcaldes da provincia, deputados e senadores, entre outras autoridades.

O acto comezaba coa intervención do subdelegado saínte, Roberto Castro, quen expresaba unha serie de agradecementos polos apoios recibidos dende as diferentes administracións e ámbitos durante o desenvolvemento do cargo, así como á súa familia e colaboradores. E desexáballes aos novos delegado e subdelegado “moitos éxitos no seu cometido, os seus acertos redundarán no ben de Ourense, de Galicia e de España”.

A continuación tomaba a palabra Emilio González Alonso, quen aseguraba que “farei desta Subdelegación de Ourense un lugar aberto, cercano e dedicado a resolver os problemas da xente, e fareino con diálogo na procura de consenso. Falarei o necesario para chegar a acordos”. Avanzaba tamén a súa intención de “manter unha relación de lealdade institucional, respecto e colaboración absoluta co resto das administracións públicas porque só teño un obxectivo: acadar o mellor para Ourense e para iso todos somos necesarios. Podo asegurarvos que farei todo o que estea ao meu alcance para o progreso de Ourense, traballarei man a man cos concellos, coa Deputación, coa Xunta para que os veciños da provincia desfruten de maiores servizos e acaden melloras cotas de benestar social e progreso”.

Tamén destacaba que  “impulsarei  aqueles plans de infraestruturas e desenvolvemento necesarias para o progreso de Ourense” e que “estou ao servizo da nosa provincia para que a vosa voz chegue ao Goberno e para que as políticas do Goberno de España cheguen a Ourense”.

O acto pechába o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, que sinalaba que no mes que leva á fronte deste posto “tivemos oportunidade de demostrar con feitos que se abriu unha nova etapa de goberno e hoxe tamén abrimos as portas da Subdelegación de Ourense  para estar máis preto da cidadanía, das persoas”.

Aludía ademais á recente xuntanza mantida entre o presidente do goberno central e o da Xunta, na cal se estableceron “compromisos firmes con Galicia para un financiamento autonómico que teña en conta as singularidades desta comunidade, compromisos en política de benestar como a financiación da Lei de Dependencia, compromisos como o AVE ou compromisos coas institucións locais como é devolverlles a autonomía para que poidan desenvolver o seu labor”.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button