Un total de 24 expositores nacionais, dos cales 11 contan coa marca Artesanía de Galicia, participan ata o 3 de maio na Feira de Artesanía de Ourense, un encontro organizado pola Asociación de Artesáns de Ourense que conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Os visitantes desta XX edición da feira poderán atopar produtos elaborados a man en materiais como coiro, madeira, cerámica, téxtil ou vidro, ademais de pezas de xoiería e bixutería. Do mesmo xeito, no recinto levaranse a cabo obradoiros de oficios como a cestería, a elaboración artesanal de papel, a encadernación, a olaría, a talla de madeira e incluso a elaboración de instrumentos musicais.
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal asistía, xunto á xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, á inauguración da mostra que se celebra na Alameda de Ourense en horario de 11 a 14 e de 17 a 21 horas.