EntrevistasÚltima hora

Feliciano Fernández: “Bennu é un libro sobre unha persoa normal, pero escrito dunha forma moi propia”

O autor valdeorrés vén de publicar a súa primeira obra, "Bennu", unha recopilación de poemas escritos ao longo de varios anos

Feliciano Fernández, autor de “Bennu”.

 

Feliciano Fernández, de 24 anos, é natural de Oulego, no concello valdeorrés de Rubiá. A día de hoxe está afincado no Barco, unha vila á que considera “con moito potencial a nivel artístico, aínda que ás veces non se valore”. Confeso apaixoado da lectura e da escritura, vén de publicar, o pasado 24 de xuño, o seu primeiro libro “Bennu”, no que recopila numerosos poemas escritos ao longo de anos de traballo e que gardan un nexo en común: a súa propia vida.

Fernández non proxecta un futuro como escritor senón que “escribe por gusto”. “Nin o teño en mente nin me gustaría, eu xa teño o meu traballo e as miñas cousas, isto é un hobbie“, afirma. Non obstante, o recente confinamento derivado da crise sanitaria permitiulle gozar do tempo necesario para ordenar e seleccionar os escritos que dan forma a “Bennu”, un poemario divido en tres fases que falan de ideas, medos, alegrías, penas, adolescencia e madurez. O libro xa se pode adquirir en varias librarías do Barco (Yoli, Murciego e Praxis), no Café Bar Barbudos, a través do propio autor (vía correo electrónico: feliff1996@gmail.com), en varias librarías online e mediante a páxina web da editorial, Agencia del Libro.

– ¿Como consideras que afectou a corentena ao proceso creativo?

Durante o confinamento engadín algunha cousa, pero a maioría dos poemas de “Bennu” eran escritos de sempre que fun recopilando e seleccionando. Máis que nada tiven un tempo que normalmente non teño e puiden decidir que me gustaba e que non. O tempo é moi escaso e naqueles meses foi moi abundante.

– ¿Que pode atopar o lector en “Bennu”?

É un libro sobre unha persoa normal, pero está escrito dunha forma moi propia. Un proceso de vida dende unha adolescencia con complicacións e diversas experiencias que por unha cousa ou por outra, case todos vivimos.

 

A portada de “Bennu”, deseñada polo barquense Samuel Encina.

 

– Bennu é unha ave da mitloxía exipcia. ¿Cal é a relación desta criatura co contido do libro?

Nun principio o título ía ser “Fénix”, pero parecíame que era un nome xa moi explotado. “Bennu” tamén é unha ave que representa o renacemento porque o libro fala un pouco de eso. Empeza cunha visión moi pesimista sobre a adolescencia e remata nunha perspectiva máis adulta na que aceptas que a cousas malas existen, e que tampouco pasa nada.

– ¿Que influenciou “Bennu”?

A nivel literario destacaría a Bukowski. Tamén a poesía a anarquista que adoitaba a ler en recopilacións pero pouco máis. Non levo moito no mundo da poesía.

– Tamén comentaches que o rap ou a filosofía política son dous factores que afectan de maneira importante nos teus poemas.

Creo que o rap é un pouco como a poesía moderna. Os autores, por exemplo, do século XIX están moi ben pero hai xente que os pode considerar tediosos, e en parte paréceme normal. Con “Bennu” tentei facer unha linguaxe máis accesible e liviá de ler e considero que o rap facilita un pouco iso. Por outra parte, a filosofía política non é o centro do libro pero si hai unha parte que fala da raiba, do que ves que está mal e queres cambiar.

 

O autor durante a entrevista.

 

– ¿Cando comezaches a interesarte pola poesía?

Bastante tarde, aos 15 ou 16 anos. De pequeno prefería ler novela de ficción e de fantasía. A poesía non era o meu punto forte. Antes prefería a narrativa pero agora atopei na poesía algo que me resulta máis sinxelo e relaxado de facer.

– ¿Quen deseñou a portada?

Quería contar sobre todo con xente de aquí. Falei coa editorial e pregunteilles se podía propoñer eu unha portada e dixéronme que sí, pero que eles terían que dar o visto bo. Falei con Samuel Encina, que é un tatuador barquense e comenteille o que buscaba. Fixo un bosquexo, seguimos falando e ao final quedou así.

– ¿Tes algún outro proxecto en mente?

Si. Pero aínda está moi verde como para dar detalles.

– ¿Como se sente ver os teus poemas nun soporte físico?

Cando era pequeno e lía, por exemplo, as novelas de Harry Potter pensaba: “eu de maior quero ter isto”. Sempre quixen ver o meu traballo en físico e conseguilo agora é unha alegría. A min dábame algo de vergoña enviar os textos a editoriais. Foron persoas do meu círculo, especialmente a miña nai, os que me animaron e me dixeron que escribía ben e que merecía a pena probar.

 

Detalle da portada de “Bennu”.

 

Texto: Víctor Santos.

Fotos: Alba Prada.

Artigos relacionados

Back to top button