
Na mañá deste luns 13 de ouutbro unha muller resultaba ferida en Carballeda de Valdeorras “ao caer por un terraplén duns dez metros de altura despois de baixar dun autobús avariado”, tal como informan dende o 112 Galicia.
O suceso tiña lugar na estrada OU-122, á altura do quilómetro 13, na parroquia de Lardeira, sendo un particular “quen deu o aviso ao 112 Galicia ás 07:10 horas, informando de que unha muller caera por un desnivel e que, debido á dificultade do terreo, non podían acceder a ela, aínda que escoitaban os seus berros de auxilio”, indican dende o 112 que mobilizaba aos Bombeiros e ao GES de Valdeorras, “que interviñeron no rescate da muller, posteriormente trasladada por Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao centro hospitalario de referencia”.
Segundo informaron os equipos de emerxencias, “a ferida atopábase consciente, aínda que presentaba un golpe na cabeza e inmobilidade nunha perna”, puntualizan dende o Axega.