EconomíaEconomíaÚltima hora

Fin de semana micolóxica en Trives

A vila acollerá dúas actividades promovidas polo Club Montaña Trives: o I Concurso Tapa Micolóxica e unhas xornadas sobre cogomelos
Cesta de cogomelos./ Foto: Carlos G. Hervella.
Cesta de cogomelos./ Foto: Carlos G. Hervella.

Os cogomelos serán unha referencia do 30 de outubro ao 1 de novembro en Trives. Esta localidade do oriente ourensán celebrará o neses días o I Concurso Tapa Micolóxica, unha iniciativa impulsada dende o Club Montaña Trives. Nela participarán trece establecementos de hostalaría triveses con cadansúa tapa: San Martín, O Cafeto, Quintela, O Pilón, La Viuda, Toral, Cantina do Catro, Boliche, Manolos, Sky, O Bodegón, Ardora e Casanova. Poderán ser degustadas (a un prezo de 1,50 euros) e valoradas polo público, que emitirá a súa opinión a través das papeletas das que disporán os locais participantes, e que para ser válidas deberán contar co selo do establecemento.

“O xurado popular elixirá a mellor tapa presentada, deixando a mesma reflexada na papeleta. Os tres máis votados serán os ganadores do concurso” e recibirán unha placa acreditativa, tal e como se indica nas bases do certame. O reconto de votos farase o domingo 1 de novembro ás 16h. na Oficina de Turismo da praza do Reloxo. Ademais os participantes neste percorrido de tapas micolóxicas que teñan selado a súa papeleta en alomenos catro locais terán opción a participar nun sorteo de agasallos. Farase o mesmo día 1 de novembro ás 17h. Entre os agasallos do sorteo haberá un libro de micoloxía, un estuche de viño “Chao do Couso”, unha tarta de castañas e unha cea para dúas persoas na “Cantina do Catro”.

Por outra banda, do 31 de outubro ao 1 de novembro en Trives celebraranse as XVI Xornadas Micolóxicas, tamén organizadas polo Club Montaña Trives. O seu programa principiará o sábado día 31 ás 9:30h. cunha charla no Auditorio Julio Vázquez de Trives coa presenza de catro micólogos ourensáns, ás 11h. darase paso á práctica micolóxica cunha saída ao campo para recoller cogomelos. A organización aconsella levar cesta, navalla e roupa impermeable.

Xa pola tarde (entre as 16:30h. e as 18h.) os fungos recollidos serán identificados e clasificados na praza do Reloxio. E xa pola noite, ás 21:30h. terá lugar unha cea menú a base de cogomelos no Hostal La Viuda. Ademais, ao longo da xornada do domingo 1 de novembro poderá visitarse (de 10h. a 13:30h. e de 16:30h. a 20h.) unha exposición de cogomelos.

A inscrición para a charla e a recollida de fungos é gratuíta, pero aquelas persoas interesadas en participar na cea deberán abonar 20 euros no caso de ser socios do Club Montaña Trives ou ben 25 euros e non o son. A inscrición na cea pode facerse a través do correo club.montana.trives@gmail.com ou na oficina de Turismo de Trives. A data límite para facelo será o 26 de outubro.

Artigos relacionados

Back to top button