CulturaCulturaÚltima hora

Finaliza a rodaxe de “Malencolía”, de Alfonso Zarauza, na comarca do Carballiño

Foto: Mario Llorca.

 

A sexta longametraxe de Alfonso Zarauza, “Malencolía”, remata esta semana a súa rodaxe na comarca ourensá do Carballiño. Trátase dun filme para televisión no que o director compostelán se adentra por primeira vez no xénero do terror, aínda que repite con boa parte do equipo técnico e artístico que o acompañou na súa última película, “Ons”, estreada a finais do ano pasado. A rodaxe de Malencolía realizouse en diversas localizacións dos concellos de Boborás, O Irixo e O Carballiño.

Entre os actores que volven traballar ás ordes de Zarauza destacan os protagonistas, Melania Cruz e Xúlio Abonjo, que interpretan a Sira e Pepe, unha parella que decide comezar unha nova vida nunha aldea abandonada de Ourense logo de botar moitos anos emigrados en Berlín. Chegados á aldea descobren con sorpresa que a única casa con vida está habitada por unha peculiar señora chamada Isolina, que interpreta Iolanda Muiños. Completan o reparto Diego Anido, Marta Lado, X. A. Touriñán, Ricardo de Barreiro, Ledicia Sola, Tito Asorey e Deborah Vukusic.

 

Foto: Mario Llorca.

 

En “Malencolía”, Alfonso Zarauza busca tratar o xénero do terror dun xeito pouco convencional, partindo da rica tradición galega oral e literaria sobre o medo para engadir elementos do estilo americano slasher de asasinos en serie e gore. Para abordar esta mestura de xéneros botou man de novo de colaboradores habituais no equipo técnico, como Elia Robles na dirección de arte, Alberte Branco na de fotografía, Tamara Soto na dirección de produción ou Fernando Alfonsín na montaxe, todos eles premiados ou finalistas nos últimos premios Mestre Mateo pola longametraxe “Ons”, que tamén levou o premio á mellor longametraxe e acadou en total 9 destes galardóns.

Malencolía está producida por Maruxiña Film Company e é un filme para televisión rodado integramente en Galicia e en galego, e con equipo 100% galego. Conta coa participación da Televisión de Galicia, subvención de AGADIC e a colaboración da Deputación de Ourense e o patrocinio de Deleite. Esta mañá Manuel Baltar, presidente da Deputación, visitou o último día de rodaxe no Carballiño.

Estrea no 26 OUFF

Manuel Baltar avanzou que a película “estrearase na 26ª edición do Festival de Cine de Ourense”, remarcando “a aposta da Deputación de Ourense por facer do noso territorio provincial un excelente plató para a produción audiovisual, nun ano de recuperación económica pero tamén ano de Ourense, terra de cine, coa estrea de “Cuñados”, que se está a converter nun éxito no ámbito nacional e coa próxima estrea -o 16 de agosto- de “Live is life”, de Dani de la Torre, tamén rodada en Ourense”.

O presidente do goberno provincial afirma que este apoio pola cultura audiovisual: longametraxes, curtas, documentais, series de televisión ou videoclips “ten na provincia de Ourense un territorio perfectamente apto para narrar historias; o cinema é un arte imprescindible e Ourense está chamada a ter un protagonismo especial. Por iso imos continuar nesta liña, e celebramos que cineastas do prestixio de Zarauza e actores, actrices, directores, produtores e técnicos relacionen a súa traxectoria con Ourense, pois neste territorio teñen unha “estación audiovisual” na que parar, crear e ofrecer cultura de moi alto nivel”, comenta Baltar.

Artigos relacionados

Back to top button