EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Finaliza a vendima na D.O. Ribeira Sacra con 5.244.049 quilos recollidos

Despois de que o 2019 fora o ano da vendima máis abondosa nesta D.O. a campaña 2020 péchase "segundo as previsións despois dun ano complicado"

Vendima na D.O. Ribeira Sacra.

 

Este mércores, 7 de outubro, entraban en adega as últimas uvas recollidas na D.O. Ribeira Sacra nesta campaña, o que dá por finalizada a campaña oficialmente cun total de 5.244.049 quilos recollido entre as variedase tintas e brancas.

Dende a Denominación de Orixe aseguran que despois de que o 2019 fora o ano da vendima máis abondosa na D.O. Ribeira Sacra, a campaña 2020 péchase segundo as previsións despois dun ano complicado, “Tivemos unha primavera moi chuviosa cunhas temperaturas atípicas e os fungos atacaron máis do normal. Foi un ano complicado onde se cumpriron as expectativas dun ano difícil con condicións climáticas adversas. Despois da colleita máis abondosa tamén a natureza se autorregulou e todo está dentro do esperado, cun pouco menos dun 15% menos de colleita dun ano normal. 5 millóns 200.000 quilos recollidos nunha campaña cunhas condicións meteorolóxicas que contribuiron ao estado óptimo da uva e á fixación da súa acidez,” afirma o presidente do C.R.D.O. Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez.

Con todo a D.O. supera a colleita do 2013 e do 2014 onde non se chegou ao 5 millóns de quilos. No 2015 recolléronse 6.227.365 quilos, no 2016 recolléronse 5.585.306 quilos; no 2017 foron 5.515.694 e no 2018 chegouse a 6.170.995. No 2019 fora a vendima histórica de 51 días recollendo uva para facerse con máis de 7.200.00 quilos.

Queda así atrás unha vendima temperá que comezaba o 19 de agosto, e unha campaña na que se tivo que enfrontar á pandemia, como sinala José Manuel Rodríguez. “Non tivo incidencia durante a vendima, pero si no coidado das viñas; en moitos casos trátase de economías complementarias de xente que non está aquí e que tivo problemas de desprazamentos para atender a viña. Polo demais a vendima comezou antes e terminou antes cunha uva en excelente estado sanitario e con moi bo grao porque nesta D.O. o tema da maduración non é un problema.”

Artigos relacionados

Back to top button