ConcellosFolgoso de CaurelÚltima hora

Folgoso do Courel propón habilitar o todo terreo municipal para que persoas que o precisen vaian a citas médicas fóra do concello

Xustificarase a necesidade de asistir ás consultas médicas fóra, así como que esa persoa non conta coa capacidade económica para facer fronte aos gastos de desprazamento

 

O pleno do Concello de Folgoso do Courel someterá a aprobación hoxe unha Proposta de Alcaldía para que se habilite o vehículo municipal todo terreo con persoal do Concello para que as persoa que o precisen poidan acudir con regularidade ás citas médicas concertadas co SERGAS. Para iso, contarase coa colaboración dos profesionais sanitarios dos centros de saúde e dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello para xustificar, en primeira lugar, a necesidade de acudir ás consultas médicas fóra do municipio e, en segundo lugar, que esa persoa non conta coa capacidade económica suficiente para facer fronte ao gasto en desprazamento.

Desde o Goberno local precisan que, para levar a cabo esta proposta, será necesaria a coordinación interprofesional entre o persoal sanitario dos centros de saúde e os Servizos Sociais Comunitarios do Concello, a fin de detectar ás posibles persoas que se atopen nas circunstancias descritas.
Servizo á cidadanía

A rexedora, Lola Castro, recorda que o Concello de Folgoso do Courel adquiriu un vehículo todo terreo ao abeiro do Convenio interadministrativo entre a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Folgoso do Courel. A finalidade última desta dotación é cubrir servizos sociais de primeira necesidade á poboación do Concello satisfacendo a necesidade de mobilidade de persoal do Concello para efectuar diferentes servizos e así prestar un servizo de calidade e deste xeito dar resposta ás necesidades da cidadanía.

A alcaldesa explica que xa existe un convenio de colaboración co Servizo Galego de Saúde para a realización de actuacións de mellora á cronicidade na asistencia sanitaria á veciñanza do municipio, no cal se compromete este Concello a poñer a disposición do persoal do SERGAS que desempeña a súa labor diaria nos centros de saúde do municipio un vehículo de titularidade municipal para a prestación do servizo de atención domiciliaria a persoas enfermas crónicas.

Ademais, tense detectado que algún veciño ou veciña non acude ás consultas médicas de especialistas por non dispoñer de vehículo propio para realizar o desprazamento, non podendo asumir o custe do transporte privado por non dispor da capacidade económica necesaria. Cabe ter en conta a dispersión xeográfica que caracteriza ao Concello e que a efectos de precisar realizar desprazamentos cara outros municipios nos cales se sitúan os hospitais comarcais ou provinciais, se traduce nun elevado coste polo desprazamentos en transporte privado. De aí a importancia desta proposta que se aprobará no Pleno de hoxe.

Artigos relacionados

Back to top button