Cun único punto na orde do día desenvolvíase o pleno extraordinario da tarde do 22 de febreiro no Consello Regulador da Denominación de Orixe (CRDO) Valdeorras: a elección de presidente. Na sesión plenaria, na que destacaban as ausencias de dous representantes das adegas, propoñíase como único candidato a dirixir o consello a Francisco García Álvarez, representante da Cooperativa Virxe das Viñas da Rúa. A súa proposta saía adiante por cinco votos a favor e un en contra (o do Sindicato Labrego Galego), xa que o representante da cooperativa non participou na votación.
Nada máis finalizar o pleno, Francisco García resumía con dúas palabra á liña que lle quere imprimir á súa presidencia: “transparencia e diálogo”. Adicaba as súas primeiras verbas aos “viticultores que son a parte esencial, sen eles a denominación de orixe non existiría”, e anunciaba que dentro de tres días se convocará un novo pleno para abordar unha serie de cuestións de traballo, entre as que figura a asistencia a feiras.
Ante as preguntas dos medios sobre a ausencia de dous vogais das adegas aseguraba que “estamos nun estado de dereito e non se lles pode dicir nada, se non asisten é a súa responsabilidade”. E tamén adiantaba que os puntos aprobados no pleno do pasado 28 de decembro, entre eles a realización dunha auditoría, “vanse levar adiante”.
Fotos: Carlos G. Hervella