ConcellosFolgoso de CaurelGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Froxán (Folgoso do Courel) recupera a Festa da Pisa da Castaña e aposta por recuperar os seus soutos tras o lume o verán

A celebración contaba coa asistencia de Lucía Freitas, que poñía en marcha unha iniciativa solidariar a prol desta zona, e tiña como pregoeiro ao músico Bieito Romero

 

Arredor das 11h. da fría mañá deste 3 de decembro volvía saír fume do sequeiro de Froxán (Folgoso do Courel). Acendíase e abríase ás 11:30h. ao público que comprobaba como se secaban antano as castañas nesta construción. Así se retomaba, tras tres anos de parón por mor da pandemia, a Festa da Pisa da Castaña de Froxán, unha iniciativa que organiza a Asociación Fonte do Milagro e que vai pola súa 22ª edición.

Tras o acendido do sequeiro, o programa continuaba aí polas 12h. coa tradicional demostración do pisado e abandoxado da castaña seca procedente do sequeiro. Despois, ás 13:30h. a coñecida chef Lucía Freitas explicáballe aos asistentes o seu proxecto solidario co Courel. Comezaba amosando o seu agradecemento polo convite, “escoitara falar moito desta festa pero polo traballo nunca tiven un momento para achegarme e coñecer o pobo de Froxán, que me acolleu como unha máis”.

 

 

E, “coma galega e cociñeira que son”, engadía, “teño a posibilidade de facer cousas e este ano, despois dos terribles incendios que sufriu esta zona do Courel, pensei que podía aportar. Creei un prato para o meu restaurante, que se chama “castaña de Froxán” e tamén un polvorón. A idea era por unha banda, que cada persoa que se sente na miña casa, leve unha certa cultura, unha certa realidade da problemática galega, do bo e do malo. E o prato da castaña que fixen foi unha escusa para falar do Courel, de Galicia e para poder recadar soutos para rexenerar parte deses soutos que se perderon e para poder tamén axudar a recuperar este museo que unha persoa tan querida e tan amada como Xan do Vilar, que está aí”.

 

 

Tamén matizaba que se lograba recadar uns fondos que “son un pequeno comezo para esa reforestación para esa axuda de recuperar esa casa museo, pero logo temos o que todos nós puidemos aportar a nivel social, podemos traballar para recuperar os nosos soutos, o traballo en conxunto, en comunidade é o que mellor funciona e anímovos para recuperar todo ese patrimonio material e inmaterial que temos no Courel e en Galicia”.

 

 

Ademais entregáballe a Evaristo Méndez como representante de Froxán, un cheque cos cartos recadados con ese prato de castañas con fiunchos. “Coas castañas que me trouxo fixemos un polvorón de castañas para seguir intentando recadar fondos para poder volver á normalidade, xuntos é o único xeito de chegar a onde queremos, traballando man a man”. Pola súa banda, Evaristo Méndez, amosaba á súa vez o seu agradecemento por este xesto, “nada máis apagar o lume, chamáronme para este proxecto. Van ter que pasar moitas xeracións para recuperar os soutos que tiñamos, así grazas de corazón”.

 

 

E, posteriormente, comezaba o acto do pregón desta volta a cargo do músico Bieito Romero, integrante e fundador do grupo Luar na Lubre. Facía un discurso salpicado de “vivas de exaltación e celebración” para Galicia, para O Courel e, por suposto para Froxán.

 

 

No seu pregón o músico tamén confesaba que soubo por vez primeira do Courel a finais dos anos 70 grazas a Emilio Cao, que tiña un tema titulado “Chegando ao Courel”. Anos máis tarde visitaba estas terras e “quedei abraiado pola súa beleza, é un dos poucos lugares de Galicia gardadores das esencias que somos como pobo”.

 

 

Tamén aludía ao que supuxeron os incendios do pasado verán nesta zona. Así mesmo destacaba a importancia da castaña como froito e a importancia da comunidade como zona produtora a nivel estatal. E rematando cun cantar feito ex profeso polo propio Romero para esta festa e que interpretaba ao final conxuntamente cos asistentes.

“Viva Galicia, viva o Courel
Que viva o pobo de Froxán
Que viva a pisa da Castaña
E as xentes que eiquí están

Aila lelo -Aila lelo- Aila lelo Ailalá!”.

 

 

 

A continuación comezaba o xantar co “menú do pisador”. Por un prezo de 12 euros os asistentes podían desfrutar de castaña seca con chourizo e panceta e unha sobremesa de tarta de castaña.

 

 

 

Ademais ao longo da mañá non faltaba a ambientación musical e ao longo da xornada podía visitarse unha mostra de artesanía e produtos tradicionais.

 

 

A celebración continuaba a partir das 16h. con sorteos e, xa ás cinco, estaba prevista unha demostración de aserrado de madeira con serra de aire.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button