ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

Funcionarios do Concello do Barco concéntranse “por unha negociación xusta da RPT”

 

“Negociación e non imposición”; “alcalde escoita, o Concello está en loita”; “alcalde avanza, O Barco non se para”. Son algunhas das consignas que na mañá deste xoves 11 de abril, un grupo de funcionarios do Concello do Barco de Valdeorras manifestaban diante do consistorio reclamando unha “negociación xusta da RPT”.

Unha “suposta negociación iniciada no ano 2016, porque o anterior documento que nos pasaron relacionado coa valoración de postos, funcións e demais é do ano 2022 e estivo parado ata hai uns meses”, asegura o responsable de Administración Local do SCIF na provincia de Ourense, Eduardo José González, destacando que consideran que “non é o correcto sobre todo en tema de valoracións con respecto á responsabilidade e adicación de moitos dos traballadores do Concello, polo que solicitamos unha negociación real. En xuño do ano pasado o alcalde comprometérase a facer mesas de negociación que non se están convocando. O que buscamos é continuar coa negociación e que se lle dé unha volta ao documento que se nos trasladou porque consideramos que non é acertado”.

 

 

Segundo o responsable de Administración Local do SCIF, o Concello do Barco conta neste momento con moitas baixas de persoal e non se están cubrindo postos. “É certo que no documento da RPT estase dotando nalgúns casos de máis persoal pero tampouco está correcto porque hai postos que non se dotan en cantidade suficiente. Ademais trátase dun documento complexo cunha serie de valoracións en canto a responsabilidade, dedicación e demais e podemos encontrarnos incongruencias como que un Policía ten unha valoración inferior en canto a adicación ao persoal de Servizos Xerais cando teñen turnos de 24 horas e unha serie de responsabilidades”.

O alcalde do Barco, Alfredo García, nunha reunión do Eixo Atlántico, respondía por teléfono á consigna “queremos traballar non mendigar”. Unha afirmación “que me parece lóxica, é o normal e o que queremos todos, tanto o equipo de Goberno como eles e os cidadáns e creo que os soldos no Barco son moi dignos. Xa tivemos catro reunións coa mesa negociadora e en todas se foron levando as peticións que se facían na anterior sen que puderamos chegar a un acordo”, di o rexedor. Engade que no Pleno de abril “pediuseme que me comprometera a que en tres meses estivera o tema resolto e eu díxenlle que non iamos esperar tres meses. Temos unha nova proposta de RPT practicamente rematada e convocaremos unha mesa de negociación para levalo”.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button