SanidadeÚltima hora

Galicia implementará un novo plan de secuenciación para aumentar a capacidade para analizar o xenoma completo de virus e bacterias

Anunciábao o conselleiro de Sanidade esta mañá durante a súa comparecencia no Parlamento galego

O conselleiro de Sanidade, Julio García, no Parlamento galego.

 

En Galicia implementarase un novo Plan de secuenciación co que a Xunta incrementará a súa capacidade para analizar o xenoma completo de virus e bacterias. Así, o seu desenvolvemento permitirá detectar con maior celeridade, e en maior número, as variantes dos virus. Anunciábao esta mañá o conselleiro de Sanidade, Julio García, no Parlamento galego.

Así mesmo informaba sobre a situación da pandemia na comunidade, indicando que Galicia se atopa nunha “situación epidemiolóxica estable”, e que a Xunta “continuará a confiar no criterio do comité clínico de expertos”, de acordo á efectividade que teñen amosado as medidas establecidas desde o inicio da pandemia.

En cifras, o conselleiro explicou que a comunidade galega conta cunha incidencia acumulada a 14 días de 93,42 casos, polos 188,97 que rexistra España; e de 46,1 casos a 7 días, fronte aos 80,38 que reflicte a media de España. Neste senso, apuntou que Galicia está entre comunidades con menor incidencia do coronavirus.

No referente á presión asistencial, apuntou que un total de 147 camas están ocupadas por pacientes covid -un 88,5% menos que no pico da pandemia-, e que 43 persoas son atendidas nas unidades de críticos. “Galicia segue a ser una das comunidades autónomas con menor ocupación de camas e UCI pola covid”, afirmaba.

O responsable sanitario do Executivo galego recalcou que, alén das medidas referidas ás restricións de mobilidade e a limitación de aforos, o departamento que dirixe continuará a xestionar a pandemia empregando as tres ferramentas das que dispón. Nomeadamente: a realización de probas diagnósticas, o rastrexo de contactos e o avance do proceso de vacinación.

Sobre a realización de probas diagnósticas, o conselleiro avanzou que o Servizo Galego de Saúde segue a traballar na detección precoz de casos para atallar a transmisión do virus na comunidade. Así, explicou que a semana pasada se realizaron un total de 65.000 probas PCR nos diferentes cribados poboacionais organizados polo Sergas. “Galicia segue sendo unha das comunidades autónomas que máis probas diagnósticas realiza”, lembrou o conselleiro, malia que o Ministerio de Sanidade non computa as probas de diagnose que se realizan mediante pooling, nin os test de saliva que desenvolve en colaboración coas oficinas de farmacia. “En Galicia temos unha media de 2.409 probas cada 100.000 habitantes é a media española é de 1.733”.

Incidindo na importancia que posúen os cribados para frear a expansión da covid, García Comesaña convidou a toda a poboación galega a participar nestas probas, ao tempo que informou dunha nova pilotaxe que está a desenvolver o Sergas, e que consiste en habilitar espazos específicos para a realización desta probas, naqueles emprazamentos das localidades galegas onde se detecte unha maior concentración de casos.

No que atinxe ao seguimento daquelas persoas que interactuasen cun caso positivo, o titular de Sanidade informou á Cámara da implantación dun novo sistema de retrorastrexo. Así, explicou que o prazo de estudo dos contactos verase ampliado dos dous até os sete días previos á confirmación da infección activa. “A pronta detección de casos e o seu illamento son garantes da redución da transmisibilidade”, indicou.

Vacinación

Sobre o avance do proceso de vacinación, o responsable de Sanidade apuntou que Galicia conta co 19’3% da súa poboación con pauta completa e que, o nivel de adherencia á vacina na comunidade é do 88%. Neste senso, tras vacinar aos usuarios e traballadores dos centros sociosanitarios, e ter practicamente rematada a administración da pauta completa ás persoas maiores de 80 anos; nestes intres “atópase moi avanzada a vacinación -con segundas doses- do grupo de poboación de 70 a 79 anos, así como as primeiras doses do grupo de poboación con idades comprendidas entre os 60 e 69 anos”.

Do mesmo xeito, avanzou que esta semana se citará a 187.000 persoas para vacinarse, entre os que se atopan máis de 80.000 persoas menores de 60 anos, cuxa vacinación comeza hoxe.

O conselleiro realizou un chamamento á poboación galega para que acuda a vacinarse, sinalando que cando se administra unha vacina “é porque tanto a Axencia Europea do Medicamento como a comunidade científica, teñen comprobado que é segura para o seu grupo de idade”.

Ademais, salientou que a Dirección Xeral de Saúde Publica está desenvolvendo diferentes proxectos de colaboración en farmacovixilancia e investigación, co ánimo de abordar os posibles efectos adversos ou fallos das vacinas da covid. Así, ademais de velar pola seguridade dos pacientes, tamén poderá analizar a falta de resposta inmunolóxica á vacina ou as súas posibles reaccións adversas.

Sobre este particular, García Comesaña presentou os datos do estudo inserido dentro proxecto Galcovivac, no que Sanidade colabora co Grupo de Investigación do IDIS, e que, por unha banda analiza a relación entre vacinación e hospitalización, e pola outra, como afecta a administración da vacina da covid na redución da mortalidade.

Destas análises, realizadas sobre unha mostra de 250.000 persoas vacinadas, desprendese que “a efectividade da vacina para reducir as infeccións é do 84,4%, do 94% en hospitalización cunha soa dose, e do 95,7% coa pauta completa, e o máis importante, o 100% para os ingresos en UCI e falecementos”.

Xunto con estas ferramentas, tamén expuxo algúns dos datos da campaña de reforzo de cumprimento das medidas de prevención fronte a covid-19, Neste senso, apuntou que desde o mes de febreiro, os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública levaron a cabo un total de 14.886 visitas en diferentes establecementos de restauración, alimentación e instalacións deportivas, entre outros. Estas tarefas de asesoramento posibilitaron a detección de 4.116 incumprimentos en 1.230 locais. Con todo, destacou que a meirande parte destes requirimentos, xa foron emendados.

Unidades postcovid e reactivación asistencial

Entre os asuntos trasladados ao Parlamento galego, tamén se incluíron o avance na implantación das Unidades Postcovid, coas que o Sergas avaliará os síntomas persistentes das persoas que xa pasaron a enfermidade; e a recuperación da actividade asistencial nos ámbitos da atención primaria e hospitalaria.

No relativo ao seguimento das persoas que xa superaron a covid, García Comesaña sinalou que o pasado 30 de abril, comezou o envío dun cuestionario vencellado aos síntomas que pode deixar a enfermidade entre aquelas persoas que se contaxiaron no inicio da pandemia. Ademais, anunciou que este formulario se estenderá aos máis de 100.000 galegos e galegas que superaron a covid-19 na nosa comunidade.

Reactivación asistencial

Na súa intervención, o titular de Sanidade salientou que “estamos a iniciar o Plan de Reactivación Asistencial no ámbito hospitalario”. Un Plan “dotado cun orzamento de 15 millóns de euros e mediante o que se levarán a cabo máis de 230.000 actos asistenciais extraordinarios”.

Respecto do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, avanzou que en colaboración cos profesionais “seguimos a traballar na reactivación progresiva da actividade presencial en Primaria”. Así, e na procurará de acadar os obxectivos fixados para este nivel asistencial, remarcou a recente creación da nova Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria.

Mediante os fondos Next Generation, a Xunta de Galicia mellorará as infraestruturas e modernizará os equipamentos dos centros sanitarios, ademais de permitir avanzar nunha estratexia de medicina personalizada, como pode ser a creación dun centro de medicamentos de Cart-T, ou a incorporación dos tratamentos de Protonterapia.

Artigos relacionados

Back to top button