
Galicia continúa avanzando na implantación da recollida separada de biorresiduos como unha das pezas crave para mellorar as taxas de reciclaxe e cumprir os obxectivos europeos de economía circular.
A materia orgánica representa preto do 40% do peso dos residuos domésticos, polo que a súa correcta separación resulta determinante para reducir o volume de residuos que acaban en entulleira e para obter compost de calidade que poida volver ao solo como fertilizante natural.
Neste senso, Galicia conta cun importante grao de implantación do sistema de recollida separada da fracción orgánica: 295 concellos dispoñen xa de sistemas específicos para a recollida de biorresiduos, ben sexa mediante o contedor marrón ou a través de sistemas porta a porta, así como os modelos de compostaxe doméstica e comunitaria.
Este avance responde á planificación recollida no Plan de Xestión de Residuos Municipais de Galicia, que establece como unha das súas prioridades mellorar a recollida separada de materia orgánica para aumentar as taxas de reciclaxe e reducir a eliminación en entulleira.
A recollida separada de biorresiduos permite que estes residuos poidan ser tratados mediante procesos de compostaxe ou valorización biolóxica, xerando compost que pode utilizarse posteriormente en agricultura ou xardinería, pechando así o ciclo da materia orgánica dentro do modelo de economía circular.

Máis recursos para axudar aos municipios
A implantación destes sistemas require investimentos importantes por parte dos municipios, tanto en contedores e vehículos como en campañas de sensibilización ou infraestruturas de tratamento.
Para facilitar esta transición, a Xunta de Galicia vén desenvolvendo desde hai anos unha política sostida de apoio ás entidades locais en materia de xestión de residuos municipais.
Entre 2018 e 2025, a Administración autonómica destinou máis de 37,6 millóns de euros en axudas a municipios para mellorar a recollida separada de residuos, modernizar infraestruturas e avanzar cara a un modelo de economía circular.
Dentro destes investimentos, a implantación da recollida separada de biorresiduos constitúe un dos eixos prioritarios, con máis de 22 millóns de euros mobilizados especificamente para proxectos vinculados á recollida e tratamento da fracción orgánica.
As convocatorias de axudas permitiron financiar actuacións como: a implantación do contedor marrón en novos municipios, a compra de vehículos para a recollida de materia orgánica, o desenvolvemento de programas de compostaxe doméstica e comunitaria ou melloras en puntos limpos e outras infraestruturas municipais.
A nova convocatoria de axudas para 2026 reforza esta liña de traballo con máis de 5,1 millóns de euros adicionais, concentrando unha parte importante dos recursos na recollida e tratamento de biorresiduos.

Compostaxe e participación cidadá
Xunto ao despregamento do contedor marrón, Galicia apostou tamén por modelos complementarios como a compostaxe doméstica e comunitaria, especialmente en municipios rurais ou con baixa densidade de poboación.
Na actualidade, 232 concellos galegos participan en programas de autocompostaje impulsados por Sogama, nos que tamén colaboran centros educativos e colectivos sociais. En total, distribuíronse máis de 23.000 composteiros de forma gratuíta para facilitar que a materia orgánica poida ser tratada directamente no lugar onde se xera.
Os resultados comezan a reflectirse nos datos de recollida. De feito, só no último ano, a cantidade de materia orgánica depositada no contedor marrón creceu un 282%, alcanzando máis de 3.000 toneladas entregadas nas plantas de tratamento de biorresiduos.
Este incremento evidencia a crecente implicación da cidadanía e dos concellos na separación correcta de residuos, unha práctica que permite mellorar a reciclaxe, reducir custos de xestión e avanzar cara a un modelo máis sostible.
Un paso clave para cumprir cos obxectivos europeos
A Unión Europea establece obxectivos cada vez máis esixentes en materia de reciclaxe e redución da vertedura. Para alcanzalos, é imprescindible mellorar a separación en orixe e aproveitar mellor os residuos orgánicos. A recollida separada de biorresiduos é unha das ferramentas máis eficaces para logralo, xa que permite transformar un residuo nun recurso útil para a agricultura e a recuperación de solos.
Por iso, desde a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático insístese na importancia da colaboración entre administracións, sector produtivo e cidadanía.
O avance na recollida separada de biorresiduos demostra que a economía circular non depende só de grandes infraestruturas, senón tamén de pequenos xestos cotiáns, como separar correctamente os residuos no fogar.