
Galicia e outras nove comunidades (Andalucía, Aragón, Asturias, Castela-A Mancha, Castela e León, Estremadura, Madrid, Murcia e Valencia) acaban de subscribir un convenio de colaboración co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para o establecemento de licenzas interautonómicas de pesca en augas continentais e de caza dentro dos seus territorios.
Deste xeito, facilitarase que os galegos afeccionados á pesca recreativa continental ou á caza poidan practicar estas actividades tanto en Galicia como en calquera das comunidades citadas cunha única licenza, sen necesidade de ter que realizar trámites adicionais en cada unha delas.
Cunha vixencia inicial de catro anos (de 2026 a 2029) prorrogables por catro máis, o obxectivo principal do convenio é garantir un marco axeitado que permita o exercicio destas actividades nos ámbitos territoriais das 10 comunidades autónomas adheridas. Búscase, así, evitar duplicidades e que a cidadanía teña que repetir os mesmos trámites e xestións ante cada administración, polo que se trata dunha medida de simplificación e que garante, á vez, unha maior eficiencia do gasto e da xestión dos recursos públicos.
Aínda que é difícil estimar cantas persoas poderán beneficiarse en Galicia do convenio, este tipo de licenza ten bastante éxito desde hai anos entre ambos colectivos. Neste sentido e tomando como referencia os últimos datos dispoñibles, cómpre indicar que de todas as licenzas de pesca en augas continentais vixentes en 2025, un total de 1.720 foron interautonómicas, mentres que no caso da caza, das case 42.700 rexistradas no conxunto da Comunidade, 485 eran tamén deste tipo.
De feito, a Xunta foi un dos gobernos autonómicos que se sumou no ano 2015 ao primeiro convenio para a emisión de licenzas de caza e de pesca de carácter interautonómico. Naquel momento, ademais de Galicia, tamén Asturias, Aragón, Castela e León, Estremadura, Madrid, Murcia e Valencia subscribiron o referido acordo, que expirou o ano pasado.
Todas elas renovaron o seu compromiso de colaboración e, a maiores, Andalucía e Castela-A Mancha súmanse por primeira vez ao novo convenio, de xeito que os titulares dunha licenza de pesca ou de caza interautonómica expedida nalgunha destas 10 comunidades poderán exercer a actividade nos ámbitos territoriais de calquera delas.
As mesmas taxas que en 2015
En canto aos importes, fíxase unha taxa única de 70 euros pola licenza interautonómica de caza e de 25 euros pola de pesca, as mesmas contías para todas as comunidades e que coinciden coas fixadas no convenio de 2015. Neste sentido, cómpre indicar que para o exercicio destas actividades en Galicia, a licenza cinexética de clase A1 (cunha vixencia dun ano e para maiores de 18 anos e menores de 65) custa 31,13 euros e a de pesca de clase A (tamén anual e correspondente a maiores de idade e menores de 65) 20,35 euros.
Ademais, esta decisión de manter as tarifas das licenzas interautonómicas de fai 10 anos enmárcase tamén no compromiso da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático co fomento e a dinamización dos recursos cinexéticos e piscícolas da Comunidade, que son claves para a protección da súa biodiversidade e do patrimonio natural.
Cómpre lembrar que, con este mesmo fin, desde o ano 2021 as licenzas autonómicas para pescadores menores de idade ou de máis de 65 anos son gratuítas en Galicia; e que no caso da caza, esta exención empezou a aplicarse en 2023 ao colectivo de maiores de 65 e desde este ano, aos menores de 18 e ás persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. Así mesmo, para eliminar trámites de renovación e avanzar na simplificación administrativa, desde 2025 as licenzas de caza e de pesca das persoas de máis de 65 anos teñen carácter indefinido.