Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Gonzalo Caballero abre a campaña das municipais apoiando ao candidato socialista á alcaldía do Barco

O secretario xeral do PSdeG-PSOE pedía o apoio para “os candidatos socialistas porque somos a opción natural do progreso para resolver os problemas dos municipios pequenos e do medio rural”

Ata Valdeorras e, máis en concreto ao Barco, se desprazaba o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, na mañá do 10 de maio para abrir a campaña electoral ás municipais e ás europeas “a pé do país, percorrendo os diferentes concellos de Galicia”, destacaba.

E escollía O Barco para comezar estes 15 días de campaña porque “é un concello de referencia pola súa realidade económica, xeográfica, pola súa realidade social, porque representa tamén a importancia da comarca de Valdeorras, e porque no Barco temos os socialistas un alcalde de referencia, o presidente da Fegamp, un alcalde consolidado que leva moitos anos traballando, pero que ten a mesma enerxía que cando empezou e que está disposto a seguir dando o mellor de si para que con maiorías claras, contundentes O Barco siga tendo un espazo na política galega, e na española”.

Caballero referíase ademais ao conxunto da candidatura socialista no Barco asegurando que “combina experiencia e renovación, homes e mulleres dispostos a traballar por este concello”. E resaltaba que “o PP esqueceuse ao longo do goberno de Feijóo da importancia dos concellos e da política municipal, non conectou coas cidades e abandounou especificamente ao medio rural e aos concellos pequenos”. E, neste senso, pedía o voto para “os candidatos socialistas porque somos a opción natural do progreso para resolver os problemas dos municipios pequenos e do medio rural”.

 

 

O secretario xeral dos socialistas galegos tamén lembraba que estas eleccións municipais coinciden coas europeas, nas que “o PSOE representa a mellor opción de progreso para construír unha Europa da cidadanía, con contidos sociais, dos pobos e que poña á xente por riba dos intereses económicos”.

Pola súa banda, o candidato á alcadía do Barco e actual rexedor, Alfredo García, sinalaba que a candidatura que encabeza preséntase “coa mesma ilusión do primeiro mandato, con moita máis experiencia, con moito máis coñecemento dos problemas e da realidade do Barco e das necesidades dos nosos veciños”. E engadía que “sabemos que hai que seguir, que é o momento da segunda transformación do Barco”, subliñando a importancia do proxecto da circunvalación da vila, cun investimento de “63 millóns de euros, son moitos cartos que van a xerar riqueza, emprego e dinamismo económico aquí durante os próximos 3 anos e iso vainos permitir liberarnos dos camións e facer unha vila aínda moito máis humano”.

Despois de atender aos medios de comunicación na praza do Concello, Caballero, acompañado polo alcalde do Barco e por outros membros da candidatura, iniciaba un reparto informativo de folletos pola vila.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button