EntrevistasÚltima hora

Gonzalo Caballero: “Precísanse políticas comprometidas co rural”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE cre que os fondos europeos permitirán poder afrontar os “retos dixitais, ecolóxicos e de xeración de emprego. Queda moito para reactivar Galicia e esta é unha oportunidade que non pode perderse”

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG-PSOE, na súa visita a Valdeorras o 26 de agosto./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

No impulso da reactivación económica en Galicia o papel dos concellos “debe ser fundamental. Por iso a Xunta ten que buscar neles aliados para defender, apoiar e impulsar a unha Galicia que necesita servizos públicos, emprego e reactivación económica”. Nesta idea insistía o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero (Ponteareas, 1975), na súa última viaxe á comarca de Valdeorras, o 26 de agosto.

Esta xornada de traballo iniciábase no Barco e incluía encontros con alcaldes, concelleiros e militantes socialistas. Antes de que remate o ano Caballero afrontará o Congreso Nacional Galego dun PSdeG que “quero que sexa unha referencia galeguista, ecoloxista, feminista e de esquerdas, e cun compoñente ético fronte ás políticas da dereita, que teñen implicado corrupción e caciquismo constante”. Ademais resalta o claro compoñente municipalista deste partido, que goberna “ao 55% dos galegos”.

Dende a Fegamp solicitouse reiteradamente que os concellos puideran xestionar tamén estes fondos, ¿que lugar cre que deben ocupar as entidades locais no proceso de recuperación desta crise?

A Xunta non está cumprindo axeitadamente coas súas competencias, e o exemplo máis palmario é a sanidade. A Xunta está desbordada nas súas funcións e na reactivación económica, non hai ningunha gran decisión importante para impulsar a economía. E, fronte a esa incapacidade, foron os concellos galegos os que tiveron que dar respostas ás necesidades máis inmediatas, pero, curiosamente, cando a Xunta ten os maiores orzamentos, con eses máis de 1.100 millóns de euros extraordinarios, recorta fondos aos concellos. Esa é unha deslealdade máxima do goberno galego ao municipalismo porque os concellos atenderon á xente dende o primeiro momento da crise e están asumindo competencias en limpeza, en educación, en políticas sociais…

Non é de recibo que o goberno galego non cumpra coas súas funcións e traslade esas competencias aos concellos, pero sen orzamentos para poder prestar eses servizos. Se a Xunta ten fondos e non é capaz de xestionalos, é mellor que os poña nas mans dos concellos e dos cidadáns para afrontar a crise. Poñer os cartos nas mans da xente é a mellor política económica para impulsar a reactivación e xerar un círculo virtuoso de emprego e actividade económica.

¿Como se ve á provincia de Ourense e ás súas comarcas, como é o caso de Valdeorras, dende o Parlamento galego?

Creo que temos que facer unha discriminación positiva cara provincias como a de Ourense, cunhas especificidades estruturais que implican máis dificultades: unha poboación máis envellecida, moitos concellos e núcleos de poboación, unha ampla e crecente despoboación en boa parte do territorio… Os socialistas defendemos a cohesión social como algo fundamental, todos os cidadáns teñen os mesmos dereitos con independencia de onde vivan, e para iso hai que primar aquelas partes do territorio onde hai máis dificultades.

Ese é o ADN socialista: traballar pola xustiza social e polos dereitos dos cidadáns desta provincia, que deben ser os mesmos que os dunha persoa que viva en Madrid, Barcelona ou Santiago. É evidente que en Ourense as políticas da dereita, tanto da Xunta como da Deputación, foron incapaces ao longo de tantos anos de darlle a esta provincia un impulso en políticas comprometidas coa Galicia rural, coa Galicia interior e que teñan unha visión transversal dunhas problemáticas tan complexas. O PP dixo que a lexislatura pasada ía ser a do apoio ao rural e abandonou ao rural de forma evidente.

Está claro que os concellos ourensáns están en situacións máis complexas que hai 4 anos e esa deriva non se está cortando. Dende logo eu teño un compromiso moi claro co desenvolvemento do rural e coa atención aos seus sectores tradicionais, como é o primario, pero tamén coa busca de alternativas industriais e de servizos que permitan xerar emprego e creo que é necesaria unha nova política económica que busque un reequilibrio territorial e que opte pola vertebración do territorio para que haxa máis dinamismo e máis xente en provincias como Ourense. É necesario que haxa servizos públicos en pé de igualdade, emprego de calidade para os que queiran vivir no rural e tamén un acceso á vivenda e ás conexións dixitais en condicións razoables. Con eses tres elementos, sen dúbida, hai bases para asentar poboación e rachar co círculo vicioso de falla de actividade económica e despoboación.

Teño trasladado aos representantes do noso partido en todas as administracións que o compromiso coa provincia de Ourense debe ser prioritario. E o exemplo do municipalismo que temos nesta provincia é do mellorciño fronte ao desastre do goberno municipal que ten a cidade de Ourense, nese pacto infame entre Jácome e o PP, un pacto de ida e volta que tampouco permite que a capital teña unha boa xestión para impulsar ao conxunto da provincia. E, no caso de Valdeorras, é necesario fortalecer todas as súas políticas, trátase dunha comarca cunha serie de especificidades moi concretas pola súa ubicación no territorio e pola súa estrutura produtiva.

Texto: A.R.

A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel de outubro do Periódico O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button