CulturaCulturaÚltima hora

Gonzalo Navaza ingresará este sábado na Real Academia Galega como membro de número

Gonzalo Navaza./ Foto: RAG.

 

Gonzalo Navaza ingresará na Real Academia Galega como membro de número mañá sábado, 5 de novembro, nunha sesión extraordinaria pública que terá lugar no salón de actos da institución (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) a partir das 12:30 horas. O filólogo e escritor pronunciará o discurso titulado Nomes de persoa na toponimia de Lalín, centrado na súa terra natal dende unha rama da filoloxía, a onomástica, na que é un reputado especialista. Daralle resposta Antón Santamarina, coordinador do Seminario de Onomástica. O académico electo desenvolve un intenso labor neste seminario, ao que se incorporou como membro correspondente no ano 2012. O acto poderá seguirse en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG.

Gonzalo Navaza ocupará a vacante producida polo pasamento en marzo de 2021 do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da RAG durante case unha década. O novo académico é sobre todo coñecido polo gran público polo seu labor literario. Como poeta colleitou distintos premios como o da Crítica Española de poesía por Fábrica íntima (1991) e Libra (2000), recoñecido tamén co Martín Codax; e como narrador, o San Clemente por Erros e Tánatos (1998). Pero o académico electo, profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, é tamén un destacado investigador no eido da onomástica, traduciu clásicos do inglés e do francés ao galego e desenvolveu un importante traballo como coordinador e coautor de dicionarios.

As súas achegas ao eido da toponimia remóntanse a comezos dos anos 80, cando realizou a recollida de campo e a corrección da toponimia dos mapas do Instituto Xeográfico Nacional para as provincias de Pontevedra e Ourense. Entre outros títulos, publicou Fitotoponimia galega (2006), unha obra monumental que xunta preto de 8000 nomes de lugar que se corresponden con 150 especies botánicas distintas, e que foi galardoado co Premio de Investigación Losada Diéguez (2007); Toponimia de Catoira, Premio Lois Peña Novo (2008); ou Os nomes dos concellos da provincia da Coruña (RAG, 2021).

Gonzalo Navaza é ademais parte do proxecto Dicionario de apelidos galegos e escribiu numerosos artigos sobre os topónimos, os nomes persoais e os apelidos do país. É membro da Comisión de Toponimia de Galicia, foi socio fundador e presidente da Asociación Galega de Onomástica, e dende o ano 2012 forma parte como académico correspondente do Seminario de Onomástica, entre outros méritos.

As súas contribucións como filólogo abranguen tamén o campo literario, prestando atención a figuras como Castelao, Fole, Cunqueiro, Blanco Amor ou Neira Vilas, e como tradutor, trouxo ao galego clásicos universais como A chamada da selva de Jack London (1982), Sherlock Holmes, detective de Arthur Conan Doyle (1986) e Robinson Crusoe de Daniel Defoe (1986). A súa versión galega doutro éxito de Conan Doyle, O can dos Baskerville, foi recoñecida co Premio Ramón Cabanillas de Tradución Literaria (1991), a d’A traxedia do home recibiu o Madách Award (2003) e a d’As flores do mal de Baudelaire o Premio de Tradución Literaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (2009).

Desenvolveu ademais un importante labor como director da área de dicionarios de Edicións Xerais de Galicia entre 1989 e 1997, é autor e coautor de numerosas obras didácticas sobre a lingua e a literatura galegas e foi membro do equipo redactor dos programas oficiais de Lingua e literatura galegas para bacharelato e formación profesional (1984) e do seminario permanente de Literatura galega de COU (1988-1995).

Artigos relacionados

Back to top button