A Real Academia Galega (RAG) abre na Rede o Ano Luísa Villalta coa posta en marcha na súa páxina web, academia.gal, da sección sobre a autora á que lle dedicará o vindeiro Día das Letras Galegas, cadrando co vixésimo aniversario do seu pasamento aos 46 anos de idade. A académica de número Ana Romaní traza o retrato da escritora coruñesa e percorre a súa obra, marcada -salienta- pola exploración, o pensamento apaixonado, a procura do rigor e a coherencia intelectual, e debuxada con matices propios e singulares no contexto de finais do século XX e os comezos do XXI. “Luísa Villalta é unha escritora multixenérica que abraza a poesía, a literatura dramática, a narrativa, o ensaio, o xornalismo de opinión e mesmo cadernos de aforismos e de carácter memorialístico. É a dimensión integral dunha obra de gran coherencia con textos interconectados que emerxen dun mesmo núcleo: a paixón creadora na vontade da razón”, resume a poeta e xornalista, compañeira de xeración literaria da homenaxeada.
“Luísa Villalta sitúase sempre na emoción e na ambición expresiva: poética sen concesións, que propón unha lectura esixente, ao tempo que ofrece rexistros renovados e estimulantes”, engade o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na tribuna de presentación do espazo, no que se irán incorporando novos contidos divulgativos ao longo do ano concibidos para públicos de distintas idades. Entre eles, coma en edicións das Letras Galegas anteriores, incluirase unha serie web sobre a homenaxeada e o espazo para o público infantil Primavera das Letras.
O sitio dedicado a Luísa Villalta (1957-2004) recolle tamén na súa estrea lembranzas sobre a autora da súa nai e a súa irmá, María Gómez e Susana Villalta. “Aconteceu a traxedia dunha vida roubada pero tivemos a sorte de contar cos seus pensamentos e o seu traballo. Luísa aportou e seguirá aportando moito en todos os ámbitos da cultura. O coñecemento da súa obra é enriquecedor para nós e para as xeracións vindeiras”, expresa Susana Villalta, que pon o acento na parte filosófica da súa escrita. “Coido que non a destacou aínda case ninguén como merece. Ela era unha persoa profunda e moi culta, gustáballe moito transmitir o seu pensamento, un pensamento elaborado, avanzado para a súa época e perenne, preocupado pola dimensión social. A súa obra ten un trasfondo que fai pensar sobre o sentido da vida e reflicte a maneira que ela tiña de vela”, valora., valora.
Música e literatura da man nunha autora singular
Ana Romaní recoñece a Luísa Villalta como unha escritora que se incardina no seu tempo e sempre atenta aos debates do momento en que viviu, pero subliña a capacidade que demostrou de trazar no literario itinerarios insólitos. “Os acentos da súa voz, os focos do seu traballo, o alento da súa escrita fan dela unha autora que sorprende pola súa singularidade”, resume nunha biografía que arrinca cos versos que Villalta anotara no lateral dun almanaque da editora portuguesa Assírio&Alvim en xaneiro de 2004, semanas antes do seu pasamento por mor dunha meninxite: “Escoito a voz / que me silencia: / comezo a expresar / o necesario”. “Os catro versos concentran algúns dos signos do orixinal alfabeto que codifica a indagación literaria da escritora. A voz e o silencio resoan na súa procura das interseccións e cruzamentos entre a poesía e a música; a expresión do necesario abre o espazo da paixón reflexiva na que se sustenta a súa obra”, define a académica.
Luísa Villalta, titulada superior en violino, chegou a forma parte da Orquestra de Santiago e da Xove Orquestra de Galicia, e tamén foi membro do grupo folk Escaino, pero consciente das dificultades de abrirse camiño profesionalmente como intérprete, converteuse en profesora de Lingua e literatura galegas de secundaria no ensino público, profesión que exerceu con destino definitivo a partir de 1991 no IES Isaac Díaz Castro de Sada. Así e todo, a música nunca a abandonou e deixou unha fonda pegada na súa produción literaria dende os seus inicios, con títulos como a obra teatral Concerto para un home só (1989) -a súa primeira publicación- e o seu debut como poeta, Música reservada (1991), ou o ensaio O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas as artes na historia da literatura galega (1999).
Ademais, Villalta cultivou a escrita teatral e o ensaio nun momento en que ambos os espazos eran maioritariamente masculinos, resalta a biógrafa. Estes dous xéneros conflúen noutro ensaio que demostra unha vez máis a fondura intelectual da creadora, O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (1992). Pero malia os títulos que deixou en ambos os campos e das súas incursións na narrativa con títulos como o seu único volume de relatos, Silencio, ensaiamos (1991) e as novelas Teoría de xogos (1997) e As chaves do tempo (2001), a protagonista do vindeiro 17 de maio foi recoñecida ata o momento sobre todo como poeta. Coa celebración das Letras Galegas 2024, a Real Academia Galega agarda que o súa obra sexa divulgada en toda a súa amplitude e que Luísa Villalta sexa recoñecida tamén polo gran público como a muller comprometida coa cultura e o país que foi.
Unha muller comprometida e crítica
“A inconformidade maniféstase en Luísa Villalta na literatura e na actividade pública. Participa vivamente nos debates culturais da fin do milenio e é unha das impulsoras do Foro da Cultura Galega”, lembra Ana Romaní. Da súa ollada crítica á sociedade na que lle tocou vivir dan boa conta os artigos de opinión que escribiu entre xaneiro de 2002 e marzo de 2004 no semanario A Nosa Terra, recollidos postumamente n’O libro das colunas; ou o póstumo O Papagaio (2006), no que lles puxo versos ás fotografías de Maribel Longueira que testemuñan o derrubamento en mans da especulación urbanística do barrio coruñés que lle dá nome ao volume, epicentro ata o momento do comercio sexual na cidade.
A Coruña foi, nestas e noutras páxinas como as de En concreto, outra das materias principais da súa obra. Nela residiu a maior parte da vida que se truncou o 6 de marzo de 2004, pouco antes de que saíse do prelo este último poemario, recoñecido co premio Espiral Maior. O seu legado literario, producido en apenas quince anos, inclúe quince libros e numerosos artigos xunto a moitos outros textos diseminados en publicacións colectivas á procura de novos lectores e lectoras nestas Letras Galegas de Luísa Villalta.