Eleccións municipais 2023OurenseÚltima hora

Gonzalo Pérez Jacóme comeza a súa segunda lexislatura como alcalde de Ourense

Ao non rexistrarse maioría absoluta na votación para rexedor, o cabeza de lista de Democracia Ourensana foi proclamado alcalde por encabezar a lista máis votada nas eleccións

Gonzalo Pérez Jacóme, co bastón de alcalde, tras tomar posesión.

 

Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana) tomaba posesión esta mañá da alcaldía da nova Corporación municipal, comezando dese xeito o seu segundo mandato á fronte do Concello de Ourense. Pérez Jácome era investido alcalde na sesión constitutiva da Corporación, por ser o concelleiro que encabezou a lista que obtivo un maior número de votos nas eleccións municipais do día 28 de maio.

A sesión constitutiva da nova corporación municipal, que se desenvolveu esta mañá no salón de plenos, comezou coa toma de posesión dos 27 concelleiros e concelleiras que desde hoxe integran a Corporación Municipal: 10 de Democracia Ourensana, 7 do PP, 6 do PSdeG-PSOE e 4 do BNG.
Trala votación para a elección de alcalde, o candidato de DO, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu 10 votos; o cabeza de lista de PSdeG-PSOE, Francisco Rodríguez, 10; e o candidato do PP, Manuel Cabezas, 7. Unha vez rematado o escrutinio, e ao non rexistrarse maioría absoluta, foi proclamado alcalde Gonzalo Pérez Jácome, que encabezou a lista que obtivo o maior número de votos nas pasadas eleccións municipais.

 

 

Na súa investidura, Jácome expresou a súa gratitude á cidadanía e o seu compromiso por cumprir o programa electoral e chegar “aos máximos acordos posibles” coas demais forzas políticas. Pérez Jacome asegurou que ser alcalde é “o traballo máis bonito e máis difícil que tiven na miña vida, pero é unha honra que está enfocada nos demais, no pobo”.

Como liñas de traballo para este mandato, citou seguir adiante cos proxectos para mellorar a mobilidade e a accesibilidade na cidade con elementos mecánicos, a renovación do transporte urbano, a execución de obras, a realización de grandes festas, o apoio á economía local, e o reto do cambio climático, para o que avanzou que apostará por plantacións masivas de árbores nunha cidade que é unha das máis cálidas de todo o norte peninsular.

 

 

“Todo o que fagamos será para aumentar a calidade de vida de todos os ourensáns”, asegurou o rexedor. Porén, advertiu que “o partido de Ourense non se xoga en Ourense, xógase en Santiago, na Xunta de Galicia, e en Madrid, no Goberno español”. O alcalde salientou que se “ten que poder vivir en Ourense, que a xente non se vaia”, e incidiu na importancia de “conseguir que haxa suficientes axudas e non discriminacións para que a nosa terra siga existindo”.

Ademais citaba tres eixos de traballo para este novo mandato municipal: “desenvolver accións que leven a unha mellor calidade de vida de todos os cidadáns, traballar para que o Concello funcione mellor, e chegar a acordos cos demais partidos políticos para mellorar a calidade de vida das persoas que non son privilexiadas”, dixo Pérez Jácome.

O alcalde rematou dando as grazas polo apoio recibido. “Entramos nesta Corporación sendo a lista máis votada, é unha honra e estou en débeda con todo o mundo”, asegurou: “teño que devolver esta honra loitando por todos vostedes, e isto é o que vou intentar”.

 

Artigos relacionados

Back to top button