A Pobra de BrollónConcellosÚltima hora

Grave accidente de tráfico na N-120, con dous falecidos, na Pobra do Brollón

 

Rozando ás 19h. deste sábado 31 de outubro producíase un accidente de tráfico na estrada N-120 no termo municipal da Pobra de Brollón. “Unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para informar do accidente. Indicaba que se trataba dun choque entre dous turismos que circulaban pola N-120, ao redor do punto quilométrico 512, á altura de Abrence, na Pobra do Brollón, e que podía haber xente atrapada no interior dos vehículos. Ademais, aseguraba que un dos coches fumeaba polo lateral”, tal e como informa o 122 Galicia.

Así, con estes datos, os xestores do 112 pasaron aviso de inmediato aos Bombeiros de Monforte e aos membros do GES de Quiroga, así como ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Tamén foron informados a Garda Civil de Tráfico, os efectivos de Protección Civil da localidade e o persoal do servizo de mantemento da estrada. Ademais, foi preciso interromper o tráfico nese punto da vía para facilitar o trabalo dos servizos de emerxencias.

Así mesmo, foi precisa a intervención dos bombeiros para liberar aos tres ocupantes dos turismos, un deles falecido. “As outras dúas persoas, unha delas ocupante do vehículo no que viaxaba o falecido e a outra persoa, ocupante do outro turismo, tras ser liberadas, foron trasladadas polos servizos sanitarios de urxencia”, segundo a información do 112 Galicia.

A primeira hora deste domingo 1 de novembro, o 112 Galicia actualizaba a información deste sinisitro e indicaba que, finalmente, “das tres persoas que tiveron que ser liberadas polos profesionais de excarceración, tras quedar atrapadas no interior dos vehículos implicados, dúas faleceron e unha foi evacuada polos servizos sanitarios de urxencia”.

Segundo informaron os Bombeiros ao 112 Galicia tratouse dunha colisión frontal. A circulación na vía quedou totalmente restablecida nada mais rematar coas súas tarefas os servizos de emerxencias alí desprazados.

 

Artigos relacionados

Back to top button