OurenseÚltima hora

‘Herederos del Silencio’, un documental que dá voz á emigración ourensá

Trátase dun proxecto realizado polos alumnos do ciclo superior de Producción Audiovisual, Espectáculos e Eventos do CIFP A Farixa

 

Xa está en marcha a rodaxe do documental Herederos del Silencio, unha produción audiovisual realizada polos alumnos do ciclo superior de Produción Audiovisual, Espectáculos e Eventos do CIFP A Farixa, de Ourense. Este proxecto, que ten como obxectivo “visibilizar as historias de emigración desde e cara a Ourense”, está a ser filmado en diversas localizacións da provincia, cun enfoque especial na comarca de Celanova.

A rodaxe iniciábase en Ourense o pasado venres 31 dexaneiro, e continuaba o sábado 1 de febreiro coa gravación de planos en distintas localidades, entre as cales destaca Celanova, “un lugar crave para o desenvolvemento do documental polo seu vínculo histórico coa emigración”, explican dende A Farixa, destacando que este enfoque refórzase co apoio do Concello de Celanova, “que se uniu ao proxecto para visibilizar as vivencias dos emigrados e as dificultades que afrontaron”.

 

 

O luns 3 de febreiro a rodaxe centrouse nas voces que serán clave neste proxecto audiovisual, comezando cunha sesión no Puente do Lonia, un lugar simbólico onde se fixo unha metáfora entre os que inician a súa viaxe e os que o culminan. “Esta ponte representa o tránsito e as experiencias compartidas daqueles que deixaron o seu fogar en busca de novas oportunidades”, explican.

Hoxe, martes 4 de febreiro, era a quenda das entrevistas en Ourense, concretamente no local dos scouts e no bar Papeleta, espazos onde recolleron testemuños de persoas cuxas historias persoais están profundamente ligadas á emigración.

 

 

Finalmente, mañá mércores 5 de febreiro pecharase a rodaxe con máis entrevistas en diferentes localizacións, completando así a primeira fase deste emocionante proxecto. “Aínda que non será o final porque aínda temos pensado rodar con diferentes institucións como Cruz vermella e a ONG Valores”, engaden dende a organización deste proxecto que busca “non só rescatar a memoria dos ourensáns que emigraron no século XX, senón tamén conectar estas vivencias coa realidade dos novos migrantes que chegan á provincia”.

Así, a través deste documental, pretenden “dar visibilidade a estas historias que reflicten as dificultades e os desafíos sociais e emocionais da emigración, así como poñer en valor a forza e a resiliencia de quen afrontou este camiño”.

 

 

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button