Con motivo da conmemoración neste 17 de outubro por parte da Unesco, por vez primeira, do Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial, o Campus de Ourense acollía neste xoves un programa de actividades, en colaboración con diversas entidades, no que incluía a inauguración dunha exposición e unha homenaxe a Florencio de Arboiro, escultor natural desta localidade de San Xoán de Río e apaixoado da cultura dos afiadores.
A actividade está organizada polo CCP Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense en colaboración coa Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo e a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! Pretende ser unha xornada de visibilización do patrimonio cultural inmaterial galego, personalizándoa na figura de Florencio Martínez (Florencio de Arboiro), falecido o pasado 25 de setembro, “en recoñecemento ao seu destacado labor na recuperación da memoria de moitos oficios tradicionais, nomeadamente dos afiadores, oficio emblemático da provincia de Ourense”.
As imaxes do patrimonio
A programación poñíase en marcha esta mañá coa inauguración da mostra “As imaxes do patrimonio. Ponte… nas Ondas!”, que estará no primeiro andar do Edificio de Ferro ata o 16 de novembro. Reúne imaxes sobre patrimonio premiadas en concursos organizados por esta asociación cultural nos centros educativos de Galicia e Portugal. As fotos do alumnado seleccionadas poden verse acompañadas de textos explicativos e transformadas en parte de viñetas gráficas realizadas por ilustradores galegos.
Na súa inauguración participaron Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social; Xosé Manuel Cid, profesor coordinador da programación deste Iº Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial. Homenaxe a Florencio Martínez Vázquez (Florencio de Arboiro); Jairo Rodríguez, de Ponte… nas Ondas! e Xabier Álvarez, do CCP Xaquín Lorenzo. Nas súas intervencións, as e os representantes das entidades destacaron a importancia do patrimonio cultural inmaterial e da súa conservación, animando aos futuros profesores e profesoras presentes no acto a ser axentes tamén da transmisión e valorización deste legado.
Lembrando a Florencio de Arboiro
Pola tarde, ás 18.30 h, na Sala Emilia Pardo Bazán, podía asistirse a unha actuación de música popular a cargo da Escola Provincial de Danza da Deputación de Ourense. Tras as intervencións institucionais a cargo de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e César Fernández, vicepresidente segundo e deputado de Cultura, a antropóloga da UVigo Fátima Braña falaba sobre o significado do Día Internacional do Patrimonio Inmaterial.
Pola súa banda, Xosé Manuel Cid abordaba a contribución á visibilización do patrimonio cultural inmaterial galego feita por Florencio de Arboiro. “Era unha persoa multifacética, que tocou varias pólas da nosa cultura, entre elas nomeadamente os oficios tradicionais”, sinala. Do homenaxeado, Xosé Manuel Cid destaca que, herdeiro dunha tradición familiar de compromiso coa cultura galega, “levou a súa humanidade, ese facer as cousas desinteresadamente polos demais, a todas as facetas da súa vida e en particular empeñou boa parte da súa vida e da súa economía en recuperar patrimonio material e inmaterial da figura dos afiadores”. O acto rematará coa proxección da película-documental A última viaxe do afiador, dirixida por Aitor Rei.