OurenseÚltima hora

A Deputación de Ourense presenta o novo Protocolo de Vialidade Invernal co reforzo de medios para blindar a seguridade nas estradas provinciais

O servizo mantén un centro de atención operativo as 24 horas do día, un sistema de quendas nas comarcas de maior risco e apoio directo a 67 concellos e unha mancomunidade que están adheridos ao convenio

 

Esta mañá o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, presentaba, acompañado pola vicepresidenta primeira provincial, Marta Nóvoa e polos técnicos e persoal da área de Infraestruturas e do parque de maquinaria, os detalles do Protocolo de Vialidade Invernal 2026-2027. Un operativo deseñado para manter a seguridade e a mobilidade nos 1.848 quilómetros da rede viaria provincial con 266 estradas, durante os meses de meteoroloxía adversa.

O dispositivo, que entrará en vigor o vindeiro 15 de novembro de 2026 e prolongarase ata o 30 de abril de 2027, é froito do traballo conxunto realizado pola Área de Infraestruturas (Servizo de Vías e Obras) e polo Parque de Maquinaria, baixo un modelo de xestión directa con medios propios.

O principal obxectivo do plan é garantir as condicións de seguridade, comodidade e fluidez do tráfico, con especial atención aos tramos situados a cotas superiores aos 800 e 1.000 metros en comarcas de alta montaña como o Macizo Central, A Pobra de Trives, Viana do Bolo e Valdeorras, evitando o illamento de calquera núcleo poboacional e asegurando o acceso aos servizos esenciais.

“Vocación municipalista” e apoio aos concellos

Luis Menor reivindicou o “carácter municipalista” deste goberno provincial  de cooperación cos municipios a través do convenio de vialidade invernal, polo que se estende o subministro de fundentes e a axuda mecánica ás estradas de titularidade local. Na actualidade, son 67 concellos e unha mancomunidade os adheridos a este marco de colaboración, o que permite dar resposta ás demandas municipais nun prazo de 24 horas cando as circunstancias o requiren.

 

 

Novas dotacións e 1.850 toneladas de sal

Como principal novidade para esta campaña, a Deputación incorpora unha nova máquina quitaneves que reforzará a capacidade de resposta nos tramos de maior dificultade orográfica e durante as alertas meteorolóxicas. Esta nova unidade súmase á flota provincial composta por camións todoterreo equipados con esparexedores e cuñas, tractores adaptados, vehículos de apoio e motoniveladoras pesadas.

No ámbito preventivo, o operativo dispón dunha capacidade de almacenaxe de 1.850 toneladas de fundentes, distribuídas estratexicamente en nove instalacións repartidas por todo o territorio ourensán: San Cibrao das Viñas (Parque Central), Verín, Viana do Bolo, Xinzo de Limia, A Pobra de Trives (entre nave provincial e acceso a Manzaneda), Bande, Parada de Sil, O Carballiño e O Barco de Valdeorras.

Operatividade continua e coordinación externa

O plan susténtase nun equipo humano multidisciplinar integrado por celadores, maquinistas, condutores e mecánicos. O dispositivo conta cun centro operativo activo as 24 horas do día, os 7 días da semana, encargado da recepción de incidencias e da activación dos recursos.

Nas comarcas máis expostas ás precipitacións de neve (Trives, Viana do Bolo e Verín) establécese un sistema de traballo por quendas que permite actuacións continuadas labores preventivos. Ademais, o dispositivo mantén unha coordinación directa co Comité Executivo da Subdelegación do Goberno, o Subsector de Tráfico da Garda Civil (COTA) e a Axencia Galega de Emerxencias (112 Galicia), aplicando criterios e códigos de circulación homoxéneos cos da Rede de Estradas do Estado.

Back to top button