As pistas de atletismo de Calabagueiros levan xa o nome do atleta Luis Nogueira.
Na xornada deste sábado 15 de febreiro celebrábase no Barco de Valdeorras o Campionato galego de lanzamentos longos, absoluto e sub23, no que se daba cita a elite galega desta modalidade atlética (disco, martelo e xavelina). A excusa perfecta para renderlle unha merecida homenaxe ao lanzador de xavelina vilamartinés falecido hai uns anos, “bautizando” co seu nome as pistas nas que tantas horas adestraba.
Segundo o previsto, xa pola tarde e aproveitando un descanso da competición, procedíase a descubrir unha placa en memoira de Luis, a carón do busto doutro recoñecido personaxe do deporte valdeorrés, Miguel Fariñas, referente no mundo do fútbol.
O acto, sinxelo pero sentido, contaba coa presenza de numerosos membros do Club Adas Cupa, do que formaba parte o homenaxeado, co presidente Tinín González á cabeza; así como do presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; de Moncha Díaz en representación da familia; e membros da corporación barquense: o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso, e os concelleiros Xavier Rocha, Dosinda Arias e Maite Estévez, entre outros.
En lugar dun minuto de silencio, a homenaxe para Luis Nogueira era un merecido e sonoro minuto de aplausos.
Fotos e vídeo cedidos.



