SanidadeÚltima hora

Homenaxe aos profesionais da área sanitaria ourensá que se xubilaban 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou o seu compromiso na mellora da calidade dos servizos asistenciais da área sanitaria

 

Neste sábado rendíase homenaxe aos 225 profesionais sanitarios da área de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras que se xubilaron no ano 2022. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu esta mañá o acto de recoñecemento aos traballadores, dos que destacou que “exemplifican que a sanidade pública galega ten no seu persoal o seu capital máis importante”.

Durante o acto, no que tamén estivo presente o xerente da área sanitaria, Felix Rubial; membros do equipo directivo e familiares e amigos dos traballadores, o titular da sanidade galega trasladou aos profesionais xubilados o seu agradecemento polo traballo, entrega e compromiso, destacando a súa profesionalidade e calidade humana. “Sodes máis que un excelente equipo de profesionais, sodes unha familia chea de persoas dunha enorme talla humana” destacou.

García Comesaña lembrou que os profesionais xubilados foron protagonistas de transformacións na área sanitaria como “a ampliación e reforma do hospital de Ourense; iniciativas como os gorros fríos para frear a perda de cabelo dos pacientes oncolóxicos, ou medidas premiadas como a humanización da vacinación pediátrica, facendo aos cativos máis ameno o proceso de vacinación”.

O conselleiro de Sanidade tamén se referiu á contribución do persoal sanitario xubilado na renovación e incorporación de nova tecnoloxía nos tres hospitais da área sanitaria, inmersos en importantes procesos de transformación, ampliación e reforma. “Vos fixestes posible que estes edificios acollan cada vez máis servizos e sexan punteiros en cada vez máis áreas”, abundou. Entre esas reformas e transformacións, citou a nova área obstétrica do hospital de Ourense, a súa nova UCI, o PET que se instalará este ano, ou o equipo de neurorradioloxía intervencionista. Tamén, a nova farmacia do hospital de Valdeorras ou as novas urxencias do hospital de Verín.

 

 

Julio García Comesaña rememorou tamén o traballo dos profesionais de enfermería xubilados no “proceso exemplar de vacinación masiva realizado en Expourense e nos hospitais de Verín e Valdeorras” ou o labor do persoal en iniciativas pioneiras como o proxecto Coperia para o desenvolvemento dunha plataforma para a rehabilitación de pacientes afectados polo Covid persistente. Sinalou tamén as melloras no ámbito de primaria levadas a cabo por estes profesionais, con programas de saúde comunitaria, especialmente no rural, así como a transformación de moitos centros de saúde, como o de Ribadavia, Barbadás ou Pereiro de Aguiar.

Finalmente, o conselleiro non quixo esquecer a ningún dos profesionais xubilados, e citou a “facultativos, persoal de enfermería, auxiliares, celadores, persoal de servizos e xestión, técnicos e todos os demais profesionais que contribuídes ao bo funcionamento do servizo público de saúde”.

Artigos relacionados

Back to top button