O ano pasado por estas datas o CD Trives organizaba unha xuntanza de antigos xogadores, presidentes e directivos para conmemorar o 50º aniversario do club pero ante o interese espertado e a gran demanda por parte da xente por asistir e que nesa ocasión non pudo, decidían repetila.
Así xurde a 2ª Xuntanza do Club Deportivo Trives que na xornada deste sábado 20 de maio xuntaba no campo do Agro a 120 persoas. “O ano pasado fomos 106 co cal o éxito é maior este ano tendo ademais en conta que hoxe son festas no Barco e moitas das persoas que pasaron por este club son dalí co cal non puideron vir senón seriamos moitos máis”, asegura Fermín Santoveña, directivo do CD Trives.
O propio Fermín explica que pola mañá xogaron uns partidos e fixéronlle unha homenaxe a “Pepiño” compañeiro que faleceu despois do primeiro encontro. “Foi, tanto como xogador como afeccionado, unha persoa que sentía unha gran paixón por este club”, di, engadindo que este ano contaron tamén cunha visita moi especial. Convidado por David Pérez, adestrador do CD Trives e das escolas deportivas e o seu colega Eduardo, estivo Iván Iglesias, ex xogador do FC Barcelona, para falar cos nenos sobre o deporte, o esforzo e entrega.
Tal como explicaron no acto, Iglesias naceu en Xixón e foi capaz “con esforzo, de compartir vestiario co mellor da súa época (Zubizarreta, Nadal, Guardiola, Bakero, Stoichkov,…) e ser adestrado por Johan Cruyff”. Xogou en equipos como o Xixón ou Barcelona co que marcou o quinto gol daquel famoso 5-0 ao Real Madrid na tempada 93/94. Tamén xogou no Oviedo ou no Raio Vallecano, probando tamén sorte en EE.UU. e sendo hoxe recibido na Pobra de Trives pola propia alcaldesa. Patricia Domínguez explicou que “este ano acometeranse as obras de reforma integral do campo do Agro”, pedíndolle ao deportista “en nome do meu pobo, que o campus do Barça que ti dirixes estea con nós para dar clase a toda a canteira de nenos que temos en Trives”. Iván, pola súa banda asegurou que tentará levar a cabo a petición se o campo vai para adiante, felicitando ao club polos anos que levan en activo, fomentando o deporte nos rapaces, antes do intercambio de agasallos por parte do club, a alcaldesa e o propio Iván.
Tralo acto celebráse o xantar no propio campo e o sorteo de camisetas cedidas por diferentes clubs, seguindo coa actuación musical para pasar o día en familia.
Fotos: Carlos G. Hervella excepto as do xantar que son cedidas.
Vídeo: Carlos G. Hervella.