En portada

“Hoxe non tomo posesión dun cargo: fágome cargo das lóxicas preocupacións dos galegos de hoxe”

Alfonso Rueda tomaba posesión do seu cargo como presidente da Xunta neste sábado

 

“Neste Parlamento, onde conflúe a pluralidade do noso pobo e onde veño de tomar posesión da máis alta das responsabilidades que outorga Galicia, penso que é acaído reflexionar sobre as orixes da nosa esencia colectiva”, dicía o sexto presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras xurar esta mañá o seu cargo no Salón dos Reis do Parlamento.

Neste acto estaba acompañado, entre outras autoridades, polo presidente da Cámara galega, Miguel Santalices; pola vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e polo ex presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.

“Afronto con ilusión e con confianza o futuro, porque sei que os galegos imos seguir tomando boas decisións. O noso anhelo de seguir procurando xuntos as máis altas metas comúns non pode nin tampouco debe partir de cero nin impugnar o avanzado polos que nos guiaron ata aquí”, aseguraba Rueda no seu discurso, “hoxe non tomo posesión dun cargo: fágome cargo das lóxicas preocupacións dos galegos de hoxe e tamén, especialmente, das incertas perspectivas para os galegos de mañá”.

 

 

O novo presidente da Xunta referíase ao “difícil contexto social e económico e en todas as ordes que viven Europa, España e Galicia fai que guiarse a través del desde a estabilidade sexa máis unha obriga que unha simple opción de goberno. Erra quen confunde a prudencia coa apatía ou a falta de ideas. Ao contrario, a prudencia é unha condición necesaria, agora máis que nunca, para priorizar as necesidades reais dos galegos sobre os dogmas, trivialidades e modas efémeras que ás veces, ultimamente máis que nunca, inundan o debate público”.

E engadía que “gobernar desde a moderación é o mellor antídoto contra a intransixencia, as divisións estériles ou a polarización que lastran a convivencia e que noutros lugares —non en Galicia, afortunadamente— xa son unha triste característica habitual da política”.

 

 

“Empezo esta andaina”, concluía Rueda, “animado por un galeguismo conciliador e inconformista e dispóñome a continuar o camiño iniciando unha etapa máis. E son consciente de que se inicia unha etapa máis. Miro atrás e contemplo un percorrido fecundo no que os nomes de Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Manuel Fraga Iribarne, Emilio Pérez Touriño e Alberto Núñez Feijóo marcan fitos que xa forman parte da historia gloriosa e orgullosa de Galicia.

O Salón dos Reis quedou pequeno para acoller aos convidados que se deron cita neste acto, polo que se habilitaron outras salas e corredores desde onde se puido seguir a toma de posesión a través de pantallas instaladas ao efecto.

O acto concluía coa interpretación do Himno de Galicia.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button