
Comezou a pescar sendo moi pequeno grazas a un agasallo e tamén á sorte. “Con tres anos regaláronme unha cana de pescar. Déronme unha cucharilla, meus pais cortáronlle as puntas, fun ao río e collín unha troita”, conta Javier Fernández Fernández, que non sabe moi ben como fixo pero quedou enganchado á esta afección que para el é tamén unha paixón. Natural de Viloira (O Barco), practica todas as modalidades de pesca e dende finais de decembro de 2024 é o presidente dun novo club aberto a todo aquel que o desexe coa única condición de ter interese.
¿Con que obxectivo nace Veira do Sil?
Xurdía entre catro compañeiros que imos xuntos a pescar e forman parte da directiva do club, Luis, Santi, Álvaro e eu. Pensamos que aínda que hai outros clubs, na comarca non había nada que se adicara á pesca a mosca sobre todo, porque tamén practicamos outras modalidades como sppining en costa con xente moi boa con canais de YouTube como Tarci Ávila co sargo e Dani Franco coa lubina. Lembro que de pequeno viamos á xente maior pescando con mosca, sen os avances e coñecementos que hai agora, e viamos que se perdía porque ás novas xeracións é raro que lle guste e menos sen un incentivo, porque agora, a raiz de crear o club vén moita xente a interesarse. Vimos que esa afección estábase perdendo co río que temos no Barco e arredores, ademais da conservación dos cursos fluviais e mirar polo entorno.
En pouco tempo xuntaron xa un bo número de socios. ¿Como valoran a acollida?
Demos de alta ao club a finais de 2024 e temos xa en torno aos 70 socios. É certo que nestes dous meses funcionamos moi ben e levamos feitas varias actividades. Xuntámonos os mércores e domingos para talleres de montaxe de mosca e iso gústalle á xente. Intentamos levalo da mellor forma posible e cada domingo intentamos traer a un montador, á parte de xente do club, pescadores de León, Lugo,… moi bos e coñecidos e cada día móntase un tipo de mosca, aprendendo uns dos outros. Hai xente do club que nunca se puxera diante dun torno e estase animando e facendo as súas cousas.
¿Que proxectos tedes a medio prazo?
Queremos consorciar o río Xares, que non será doado pero imos intentalo. Pídennos que fagamos limpezas nas marxes do río, promover a pesca sen morte, conservar a especie, manter o hábitat,… Igual tardamos un ano ou dous en conseguilo pero despois terá unha serie de vantaxes para o club pois teremos sempre coutos dispoñibles, dúas veces ao ano ao mellor pechalo para facer un campionato entre nós,…

O estado medioambiental dos ríos da zona non é o idóneo.
Non, pero como todo en xeral. O cambio climático afecta, a man do home tamén. Eu non boto a culpa a nada en concreto porque hai varios factores a ter en conta. Un deles é o cormorán, unha ave foránea que dende hai uns anos todo o mundo vei no río e iso é complicado controlalo,… Nós intentamos promover a pesca sen morte pero mentres estemos dentro do marco legal eu comparto a pesca con morte. É algo que vas aprendendo cos anos e o que che fai sentir mellor. A min gústame a pesca e comer un peixe tamén, pero o que me fai feliz é pescalo e se o día de mañá os meus fillos queren e non poden pescar por non ter peixes, sería o triste.
¿Que técnica emprega?
Eu doulle a todo. Tando lance como mosca, spinning en costa porque estiven 8 anos vivindo na Coruña e ía á pesca de lubina e sargo… Non pesco só na campaña da troita senón todo o ano, tanto en auga doce como salgada. Cada dúas fins de semana como moito, se non podo nunha modalidade pesco noutra. Amais dunha afección para min pescar é unha paixón. Algo que penso que compartimos a maioría dos que formamos o club.
¿Para quen está pensado? ¿Algunha condición para facerse socio?
Hai xente que está descubrindo este mundo pero penso que o 60% dos socios que integramos o club dámoslle a todo. Tamén facemos señuelos para o calamar… Non é un club centrado na mosca ou na competición, adicámonos á pesca en xeral, está aberto e debémonos aos socios. Calquera opinión que sume, conta. Trátase de facer o ben común e chegaremos onde queiramos, o que non queremos é que reste. O importante é ter vontade e ganas, do resto axudaremos á xente no que precise e ata onde cheguemos. Non hai que saber pescar, ter equipo e material, podes partir de cero.
Quen queira facer algunha consulta, aínda que non sexa socio, ten as portas do club abertas. Os mércores de 19 a 21h. no pavillón de Calabagueiros e os domingos no Edificio Multiusos de 10 a 13h. estamos reunidos e poden ver e preguntar calquera dúbida.
Texto: Mónica G. Bellver.
Foto cedida.