O Concello de Quiroga organiza unha Feira de Nadal os días 28 e 29 de decembro, con 13 postos que representan ao comercio local e ao sector da artesanía que se situarán na praza España. O acceso será gratuíto e o horario de apertura de 11 a 14 e de 16 a 20h. Tamén haberá actividades infantís, obradoiros e animación musical.
Os postos que terán presenza no mercado do comercio local e artesanía son: Nadira (roupa, calzado e mercería), Etna (roupa, calzado e complementos), Xobel (roupa, bolsos e bixutería), Libraría Celia (libros e xogos educativos e de mesa), Adega EDV (viño e licores), Aruba (cafés e doces), Eryn (cremas e aceites), Aramel (mel da serra do Courel), Silvia (filloas), Caurelor (marmeladas, castañas ao baleiro e mel), Riomao Estudio Creativo (artesanía da Ribeira Sacra especialista en bixutería, decoración, chaveiros, colgantes…), Trapalladas Artesanía (bixutería en prata e coiro), Armaior (utensilios de cociña e decoración en madeira de oliveira).

Actividades paralelas
Para fomentar o interese polos oficios e pola artesanía vanse realizar obradoiros gratuítos para a cativada, actividades creativas que ademais de ofrecer un espazo de lecer poden atraer a este mundo futuros profesionais. Deste xeito haberá dous obradoiros: un de Decoración de Pintura en Madeira para Nadal, o sábado 28 de 17 a 19h. a cargo de Riomao Estudio Creativo; e un de elaboración de Pulseiras de Coiro Personalizadas a cargo de Trapalladas Artesanía o domingo 29 de 11 a 13h.
Tamén pensando nos máis pequenos e pequenas o sábado 28 visitará a Feira de Nadal O Apalpador, de 11 a 13h. Chegado dende as montañas do Courel fará unha ruada musical por Quiroga e rematará no recinto feiral para contar contos e historias para toda a familia.
E como non podía faltar a música, para amenizar o mercado chegará o domingo 29 a Quiroga a charanga tradicional BENOFÁN que fará dous pases, un pequeno pasarrúas e remate na carpa da feira para poñerlle animación musical a comerciantes e clientes. Pola mañá actuarán de 12 a 13:30 e de 16:30 a 18h.
Esta 1ª edición da Feira de Nadal, Mercado do Comercio Local e Artesanía, na que colabora activamente a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel, está organizada polo Concello de Quiroga e cofinanciada polo Centrad (Centro de Artesanía e Deseño) da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, área que achega 5.000 euros.



